Interceptan unha narcolancha nunha cala de Mallorca con 1.200 quilos de haxix
Tras unha persecución os axentes da Garda Civil detiveron os tres ocupantes
A embarcación de gran potencia procedía dalgún punto do norte de África
Axentes da Garda Civil sorprenderon na madrugada do sábado os tripulantes dunha narcolancha descargando unha gran cantidade de fardos de droga en Cala Gran, preto de Cala d'Or en Santanyí, na illa de Mallorca.
Os sospeitosos trataron de fuxir por mar e por terra, o que provocou unha espectacular persecución de película ante a presenza de bañistas na que participaron embarcacións e o helicóptero da Benemérita.
A Garda Civil detivo nas proximidades deste coñecido areal tres persoas que fuxiran ás carreiras minutos antes polas rúas da zona turística, tras deixar varada na beira a lancha que utilizaran a madrugada anterior para transportar haxix desde o norte de África.
Os axentes incautáronse de 1.200 quilos de pole de haxix en 31 paquetes que os detidos deixaron abandonados durante a noite na area dunha cala próxima ao verse sorprendidos polas autoridades.
Imaxe do momento en que un dos ocupantes da lancha fuxe a terra