Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro detidos nunha operación antidroga en Lugo, tres deles ingresan en prisión

Catro detidos nunha operación antidroga en Lugo, tres deles ingresan en prisión

A investigación parte de 2024 tras detectar un aumento na venda de estupefacientes na Mariña

Os membros da banda utilizaban vehículos lanzadeira e rutas aleatorias para despistar a Garda Civil

Foron intervidos 1.500 gramos de cocaína, dous vehículos de alta gama e diñeiro en efectivo 

G24.gal 09/12/2025 16:24

A Garda Civil detivo catro persoas nas localidades de Vilalba e Viveiro, ademais de intervir máis dun quilo e medio de cocaína, no transcurso dunha operación contra o narcotráfico na provincia de Lugo. É o resultado dunha investigación que se puxo en marcha o pasado ano tras detectar un incremento na venda de substancias estupefacientes a pequena e media escala en varias localidades da Mariña.

Os axentes encargados do caso puideron constatar no transcurso desta investigación que “os dous distribuidores principais transportaban a droga desde o seu lugar de orixe ata a localidade lucense de Vilalba”.

Nun comunicado, a Comandancia da Garda Civil precisa que esa droga era distribuída desde a súa base de operacións a outras localidades desta provincia, co obxectivo de abastecer outros vendedores de substancias estupefacientes a menor escala.

Para evitar ser descubertos, os membros desta suposta banda adoptaban diversas medidas de seguridade nos seus desprazamentos. Utilizaban vehículos lanzadeira, para tentar despistar a Garda Civil, e rutas aleatorias.

Ademais, os encontros con clientes producíanse sempre en lugares abertos e fáciles de controlar. Tamén realizaban labores de contravixilancia nas zonas en que operaban, co obxectivo de minimizar riscos.

Por outra banda, os vehículos que utilizaban tiñan compartimentos ocultos para o transporte da droga, o que dificultaba que esas substancias fosen atopadas nun rexistro policial rutineiro.

Finalizada a investigación, dúas persoas de 35 e 46 anos de idade, foron detidas en Vilalba. No momento da detención, interviñéronlles 1.500 gramos de suposta cocaína, dous vehículos de alta gama, diñeiro en efectivo e utensilios para a preparación e envasado da droga.

Así mesmo, o pasado día 4 procedeuse á detención de dous veciños de Viveiro (Lugo), de 39 e 45 anos de idade, que supostamente abastecían de substancias estupefacientes as localidades da Mariña.

Tras esas dúas últimas detencións, foron realizados dous rexistros domiciliarios en que foron intervidos 120 gramos de suposta cocaína, 74 gramos de marihuana e 1.200 gramos de haxix, así como material de corte, útiles para pesar, envasado e distribución da droga e diñeiro en efectivo.

As persoas detidas xa foron postas á disposición do xuíz, que decretou o ingreso en prisión para tres delas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade