Publicador de contidos

Publicador de contidos

Interceptados 4.800 quilos de haxix nunha operación contra o narcotráfico no Estreito

Interceptados 4.800 quilos de haxix nunha operación contra o narcotráfico no Estreito

A actuación iniciouse ao detectarse unha embarcación sospeitosa navegando a gran velocidade por augas do estreito de Xibraltar

A operación sáldase nunha actuación combinada entre a Garda Civil e as forzas de seguridade dos países veciños

Imaxe cedida pola Garda Civil
G24.gal 13/06/2026 11:02

A Garda Civil e a Xendarmería Real Marroquí frustraron un alixo de 4.777 quilos de haxix no Estreito de Xibraltar tras unha persecución coordinada por mar, terra e aire a unha embarcación utilizada presuntamente para o narcotráfico.

A actuación iniciouse ao detectarse unha embarcación sospeitosa navegando a gran velocidade por augas do Estreito cargada con fardos de haxix.

Tras analizar o seu rumbo e traxectoria, activouse un dispositivo integrado por medios do Servizo Marítimo e do Servizo Aéreo da Garda Civil, mentres unidades terrestres permanecían despregadas para controlar posibles puntos de desembarco na costa.

Durante a persecución, a patrulleira da Garda Civil mantivo o seguimento directo da embarcación, cuxos ocupantes realizaron manobras evasivas e comezaron a guindar parte da carga ao mar para alixeirar peso, aumentar a velocidade e dificultar a intervención policial.

Grazas ao apoio aéreo, os axentes localizaron os fardos lanzados á auga e lograron recuperar 32 vultos cun peso aproximado de 1.200 quilos de haxix.

Imaxe cedida pola Garda Civil Imaxe cedida pola Garda Civil

Ante a presión policial, a embarcación puxo rumbo cara a augas próximas a Marrocos, momento no que se activaron os mecanismos de cooperación internacional coa Xendarmería Real Marroquí.

A rápida resposta das autoridades marroquís permitiu despregar patrulleiras que pecharon as posibles vías de escape e mantiveron a presión sobre a embarcación durante a súa fuxida.

Como consecuencia desta actuación conxunta, os tripulantes desprendéronse do resto da droga que transportaban antes de poder asegurala en destino.

As autoridades marítimas marroquís recuperaron outros 89 fardos cun peso aproximado de 3.577 quilos de haxix.

A operación sáldase así coa intervención total de 121 fardos e 4.777 quilos de droga, nunha actuación que a Garda Civil enmarca nos dispositivos permanentes contra o narcotráfico no Campo de Xibraltar e na cooperación coas forzas de seguridade dos países veciños para combater ás organizacións criminais que operan a ambos os dous lados o Estreito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade