Instalan cámaras de videovixilancia no barrio da Milagrosa de Lugo ante o aumento dos altercados
A medida busca reforzar a seguridade nunha zona onde se multiplicaron as queixas dos veciños
De momento só vixían o tráfico, pero está en trámite o seu uso policial para reforzar a seguridade
Son as primeiras que se instalan. De momento só vixían o tráfico, pero está en trámite o seu uso policial para reforzar a seguridade no barrio da Milagrosa de Lugo.
"Esta era unha boa zona pero agora é a peor de Lugo", comenta un veciño.
A seguridade é o que máis preocupa no barrio. En rúas coma esta son frecuentes as pelexas ás portas de varios locais de ocio.
"Hai leas todos os días, pelexas", asegura unha muller.
Coas cámaras na rúa, os veciños din que se senten un pouco máis seguros.
"Ao final é o que queremos todos poder saír á rúa e sentirnos seguros", di unha muller.
As cámaras só captan imaxes do exterior e estas estarán supervisadas pola policía. E só se usarán baixo autorización xudicial.
"As imaxes das cámaras non menten, contan o que pasa en cada momento", asegura un home.
Varios informes policiais amparan as numerosas denuncias dos veciños polo aumento da delincuencia e os problemas de convivencia.