Veciños de Novo Mesoiro, na Coruña, denuncian pingueiras e humidades nas súas vivendas
Veciños de Novo Mesoiro, na Coruña, denuncian pingueiras e humidades nas súas vivendas
As 160 familias afectadas esixen unha solución antes de que chegue o inverno e se agrave a situación
Cheo de humidades e con caldeiros para recoller as pingueiras. Así ten Marián a súa vivenda desde hai case 14 anos. "Aos dous meses de chegar xa comezaron as humidades. E agora chóveme, literalmente, na casa".
Unha situación que sofren 40 familias, malia que afectadas son as 160 que viven en catro bloques de vivendas de promoción pública.
"As zonas comúns están tamén con humidades. No portal 17 están sen luz nas escaleiras e como chegue a auga aos ascensores... deixarán de funcionar. Da Xunta non teño nada que dicir porque cumpriu todos os seus compromisos. O problema é que non hai empresas que se presenten ao concurso", explica Maite Orduña, presidenta da comunidade de veciños.
Aseguran amais que como consecuencia do seu problema hai veciños con problemas de saúde. "Eu teño asma, son alérxica... e estou peor". "Hai quen xa está diagnosticado con afeccións de pel e respiratorias".
Desesperados e impotentes, estes días afánanse na realización de pancartas para colocar nas súas ventás e facer visible a súa problemática.
Esixen, polo menos, unha solución provisional antes de que comece a chover sen parar e se agrave, aínda máis, o estado dos seus fogares.