Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inhabilitan unha muller oito meses para ter animais por envelenar a gata da veciña

Inhabilitan unha muller oito meses para ter animais por envelenar a gata da veciña

A acusada recoñeceu os feitos e aceptou a sentenza

G24.gal 01/06/2022 16:17

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño condenou a tres meses de cárcere e a oito meses de inhabilitación para a tenza de animais ou o exercicio de profesión ou oficio relacionado con eles unha veciña de Salceda de Caselas por envelenar a gata da súa veciña.

A acusada, quen recoñeceu os feitos antes do xuízo, amosouse conforme coa pena. A condena ditouse por un delito de maltrato a animais, coa aplicación da atenuante de reparación do dano, pois fixo fronte á responsabilidade civil.

A xuíza acordou suspender a execución da condena de prisión imposta durante dous anos, coa condición de que durante ese período non delinca.

A sentenza relata que o 11 de decembro de 2021, “sendo plenamente coñecedora de que a súa veciña posuía unha gata na súa vivenda”, a acusada, “con absoluto desprezo cara á integridade física do animal”, colocou nas inmediacións das escaleiras do inmoble un prato de comida, ao que engadiu “unha substancia tóxica non identificada”.

Como consecuencia da inxestión dese alimento, o animal tivo que ser trasladado a un centro veterinario, onde ingresou de urxencia e quedou hospitalizado ata que os síntomas remitiron.

Os gastos do tratamento veterinario da gata ascenderon a 85,95 euros, unha cantidade que foi consignada xudicialmente pola condenada en concepto de indemnización. Contra a sentenza non cabe recurso, pois foi ditada coa conformidade de todas as partes implicadas no procedemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade