Recorren contra o ingreso en prisión do mozo acusado do accidente mortal dun motorista no Rosal
O mozo ten tres condenas firmes por delitos contra a seguridade viaria e dúas causas abertas en Murcia
A xuíza decreta a prisión eludible mediante un pagamento dunha fianza de 150.000 euros
Unha semana despois do accidente mortal do Rosal do pasado día 15, a Garda Civil detivo o condutor do coche implicado no sinistro, un mozo de 25 anos veciño de Murcia. Tras o paso á disposición xudicial, a xuíza comunicaba a súa decisión de ingresalo en prisión.
"A decisión que tomou a xuíza instrutora é decretar a prisión eludible mediante un pagamento dunha fianza de 150.000 euros, un tanto elevada, e outras medidas cautelares, como a retirada con carácter inmediato do permiso de conducir", explica Andrés Torrecilla, avogado da defensa.
O avogado da acusación particular xa anunciou que van presentar un recurso contra esta decisión baseados nun argumento.
"A preguntas nosas, negouse a contestar todo o relacionado coa situación económica. Entendemos que non ten ningún tipo de problema en consignar eses 150.00 euros, non é nada gravoso para el", asegura Carlos Pérez, avogado da acusación particular.
O detido circulaba polo corredor do Baixo Miño cando invadiu o carril contrario e bateu frontalmente contra a moto.
Tras o accidente, abandonou o lugar sen prestar auxilio á vítima mortal, o motorista Brais Otero, de 33 anos e natural do Rosal.
Segundo transcendeu, parou outro coche, foi ao centro de saúde e pasou a noite en Tui. Logo, regresou a Murcia, falou cos seus avogados e tomou a decisión de entregarse voluntariamente ante a Garda Civil.
Por este caso, está acusado de tres delitos.
"Morte por imprudencia grave, omisión do deber de socorro e desaparecer do lugar dos feitos", explica o avogado da acusación particular.
O detido ten tres condenas firmes por delitos contra a seguridade viaria e dúas causas abertas en Murcia, unha por un accidente de natureza semellante, sen falecidos, e outra por conducir sen carné.