Falece un home ao saír da vía na A-55 no Porriño
O accidente ocorreu despois de saír da vía, posiblemente por unha indisposición previa do condutor

Un home perdeu a vida esta mañá no Porriño despois de saír da vía, posiblemente por unha indisposición previa mentres conducía.
Os feitos ocorreron ao fío das 11:00 horas, cando varias persoas alertaron o 112 Galicia dun accidente no quilómetro 18 da A-55, ao seu paso por Atios, no Porriño. Indicaban que o condutor se atopaba en parada cardiorrespiratoria, polo que solicitaban asistencia sanitaria urxente.
A sala de operacións do 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e mais á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil do municipio.
🔴 #AXEGAInforma do falecemento dun home tras unha saída de vía no Porriño.
— 112 Galicia (@112Galicia) July 22, 2025
📍 A-55 (km 18), Atios.
▶️ O vehículo saíuse da vía, posiblemente por unha indisposición do condutor.
🔗 https://t.co/PKnnUvt1Oy pic.twitter.com/VGgdbFmmD0
Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron o falecemento do condutor, único ocupante do vehículo. Segundo as primeiras hipóteses, todo apunta a que o home sufriu unha indisposición previa que provocou que perdera o control do coche e saíse da vía.