Novo récod en Inditex: gaña 3.095 millóns de euros en nove meses, un 24 % máis
As vendas do grupo ascenderon a 23.055 millóns de euros, un 19 % máis respecto ao mesmo período de 2021

Inditex rexistrou un beneficio neto de 3.095 millóns de euros durante os nove primeiros meses do seu exercicio fiscal 2022-2023 (entre o 1 de febreiro e o 31 de outubro), o cal supón un aumento do 24 % respecto a un ano antes, segundo informou este mércores a compañía.
As vendas do grupo ascenderon a 23.055 millóns de euros, un 19 % máis respecto ao mesmo período de 2021, e foron positivas en todas as áreas xeográficas. Desta forma, Inditex alcanza o seu máximo histórico de vendas e beneficio nun terceiro trimestre tras lograr un beneficio trimestral de 1.305 millóns e unhas vendas de 8.211 millóns.
A marxe bruta situouse en 13.532 millóns de euros, un 19 % superior a un ano antes, e representa o 58,7 % das vendas. Así mesmo, o resultado bruto de explotación creceu un 20 % ata os 6.520 millóns de euros e o resultado neto de explotación un 27 % ata os 4.177 millóns de euros.
No terceiro trimestre do seu ano fiscal incluíuse en "Outros resultados" un cargo de 14 millóns de euros, adicional ao cargo extraordinario de 216 millóns de euros rexistrado nas contas do primeiro trimestre. Inditex estima que esta provisión cobre "substancialmente" o impacto do cesamento de actividade do Grupo na Federación Rusa.
"Nunha contorna moi esixente, estes resultados mostran claramente a fortaleza do noso modelo único: coleccións cun alto compoñente de moda, unha experiencia de compra atraente e un equipo humano moi comprometido para lograr un crecemento rendible e máis sostible", destacou o conselleiro delegado de Inditex Óscar García Maceiras.
As vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de novembro e o 8 de decembro deste ano creceron un 12 % respecto ao mesmo período de 2021.