Indignación veciñal en Viveiro ante o traslado de bens do convento de Val de Flores
Indignación veciñal en Viveiro ante o traslado de bens do convento de Val de Flores
A orde dominica levou a Santiago obras de arte, mobles, libros e imaxes de santos
Un despropósito. Así é como cualifican no barrio da Xunqueira, en Viveiro, o traslado de bens do convento de Val de Flores ao de Belbís, en Santiago.
Entre os obxectos retirados pola orde dominica figuran obras de arte, mobiliario, libros, un lignum crucis custodiado na vila dende a Idade Media, un san Domingos de pedra do antigo mosteiro e incluso algunha imaxe que os viveirenses sacaban en procesión todos os anos.
Luís López, presidente da confraría de Val de Flores: "Levaron as imaxes, que eran patrimonio da vila e non tiñan por que saír de aquí, un san Domingos de pedra ou o que sacabamos en procesión coa virxe de Val de Flores en setembro, e ninguén nos avisou".
Ademais de se realizar o traslado sen previo aviso por parte das monxas dominicas, que abandonaron o convento hai cinco anos, a indignación débese a que boa parte dos bens correspondían a doazóns realizadas pola veciñanza.
De feito, os afectados chegaron a requirir a presenza da Policía Local e a intervención de Patrimonio
"Agora din que vai estar todo iso nun faiado. Non estaría moito mellor na igrexa, como estaban, que empapelados nun faiado ata que Patrimonio decida que fai con eles?".
Ante o acontecido, dende a confraría de Val de Flores anunciaron que manterán unha xuntanza para decidir que tipo de accións van emprender.
