Publicador de contidos

Publicador de contidos

Incendios, roubos e vandalismo nun exclusivo club de tenis abandonado

Incendios, roubos e vandalismo nun exclusivo club de tenis abandonado

O Club Bamio de Ourense leva unha década pechado

Os veciños piden que se tomen medidas porque os ladróns, din, actúan impunemente

G24.gal 13/01/2023 13:53

Inaugurado en 1989 como escola de tenis, o club Bamio de Ourense viu xogar incipientes figuras do deporte, como uns noviños Rafa Nadal ou Andy Murray. Nos bos tempos chegou a contar con 1.700 socios. Pero nada queda daquel esplendor.

"Non meten man disto. Nin concello nin nada. É un vandalismo total. Póñenlle lume, veñen os bombeiros e a policía e acabouse todo", di un veciño.

Algúns veciños teñen ata medo de poñerse ante a cámara porque os ladróns, din, campan aquí ás súas anchas.

"Xente que vén roubar directamente o cobre, o chumbo... todos os metais que hai. Están desvalixando todo. Non hai máis que ver as ventás, que en seis meses non quedou ningunha", di outro veciño.

En tres meses o edificio xa ardeu dúas veces. Focos pequenos, na zona do antigo hotel, onde aínda había camas, colchóns e ata cortinas. Un espazo que atrae tamén a rapazada.

"Fan lume para quentarse, é normal, porque vai frío. O que non entendo é como non lle poñen un freo a isto", explica unha muller.

Os bombeiros non teñen dúbida de que o último lume, como o anterior, foron intencionados, pero investigan as causas concretas. Os veciños urxen que se tomen medidas pola inseguridade que se traslada a toda a contorna.

"Que nos rouban nas leiras lindeiras, entran para gardar alí a chatarra e quitala de noite... unhas cousas que parece o Bronx".

Tras pasar por varias mans, o edificio está embargado. A axencia tributaria acaba de sacalo a poxa por máis de 3 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade