Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrefrían o incendio no Vinteún, en Ourense, logo dunha complicada extinción

Arrefrían o incendio no Vinteún, en Ourense, logo dunha complicada extinción

A grande acumulación de materiais nas infravivendas do poboado fixo que as chamas se estenderan e se xerara unha gran columna de lume e fume na cidade

O incendio provocou importantes danos materiais, pero non persoais

G24.gal 11/06/2024 21:06 Última actualización 12/06/2024 14:03

Desde as oito da tarde de onte, os bombeiros de Ourense traballan na extinción do lume nun asentamento chabolista do barrio do Vinteún. Nun primeiro momento desprazáronse ata o lugar numerosos efectivos: os bombeiros de Ourense e San Cibrao, Policía Local e Nacional e persoal do distrito forestal da zona. Contra a unha e media da mañá, o lume quedou controlado, pero un retén continúa na zona, arrefriando. Tamén levaron unha retroescavadora, para remexer e botarlle terra enriba.

"Aí hai toneladas de lixo, chatarra, vehículos vellos, utensilios de madeira... e está ardendo continuamente por debaixo", di César Pichel, xefe do Servizo de Extinción de Ourense.

Os habitantes da media ducia de chabolas que hai na zona, entre eles unha familia con nenos pequenos, pasaron a noite fóra, con outros familiares. Desaloxáronos pola virulencia do lume e a densidade do fume.

"Unha fumareda moi espesa, moi densa. Nós tivemos que pechar as portas do supermercado". "Había xente aí, e non sabiamos se lles pasara algo". "Unha columna de fume espantosa. A estas horas non podemos abrir aínda as ventás, porque se respira o plástico", sinalan varios veciños.

Os veciños da zona, no barrio ourensán do Vinteún, advirten de que non é a primeira vez que sucede, aínda que con menos intensidade.

"Había un día ou dous que viñeran apagar os bombeiros e xa os avisaron". "E o Seprona, que vixíen que non se amoreen desperdicios, coma noutros casos", aseguran.

Ocupados en extinguir o lume, os bombeiros aínda non formularon ningunha hipótese sobre a orixe das lapas, pero sinalan que, cando chegaron, había varios focos activos. Afortunadamente, non houbo danos persoais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade