Arde de madrugada un ático da zona vella de Ourense
A inquilina da vivenda tivo que buscar alternativa para pasar a noite
A vivenda onde se produciu o sinistro é un ático da rúa Irmáns Villar, de Ourense. Foi a moza que vive nel quen ao decatarse do lume chamou o servizo de urxencias e púxose a salvo abandonando a vivenda. Os bombeiros desprazaron ao lugar dúas dotacións.
"A inquilina estaba xa na rúa. Nós subimos e encontrámonos cun incendio na cociña. Apagamos e ventilamos toda a vivenda. Parte do fume foi tamén á zona común das escaleiras, que tamén ventilamos", di José Benito Álvarez, oficial do Parque de Bombeiros de Ourense.
O ático está recuado dos outros tres pisos visibles desde a fachada. Iso e a rápida intervención dos bombeiros fixo que o sinistro pasara desapercibido para veciños moi próximos. Segundo o informe dos bombeiros, a moradora tivo que buscar unha alternativa para pasar a noite polas características da vivenda sinistrada.
"Un local único. Ou sexa, cociña e salón comedor, polo que pasou a noite fóra. (Ela) non sufriu danos, porque cando se decatou do lume baixou e avisou", explica o xefe dos bombeiros.
Na extinción participaron oito efectivos do parque de bombeiros de Ourense.