Iago Aspas amosa a súa ilusión pola reestrea europea do Celta
O xogador de Moaña estivo na Crónica Deportiva da Radio Galega a 3 días do Sttutgart-Celta
Este xoves ás 21:00 o Celta volve á Europa League despois de 8 anos. De aquel equipo o único que continúa vestindo a camisola celeste é Iago Aspas, que tras quedar eliminado en Old Trafford prometeu que ía deixar a pel para devolver ao club vigués á competición europea.
Iago sabe que non vai ser un encontro doado para comezar: "O Sttutgart é un dos mellores dos oito que nos tocaron¨. Aínda así, o 10 cre que a clave do encontro pasa por non perder a identidade: "Coido que temos que ir facer o noso encontro, coas nosas armas". Aspas é coñecedor das contas para pasar de rolda na Europa League con este novo formato: "Coido que son 10 puntos para poder pasar e 15 ou 16 para quedar entre os 8 primeiros".
O moañés tamén falou na Crónica Deportiva da radio galega sobre o comezo da competición doméstica: "Coido que merecemos máis puntos dos que levamos".