Publicador de contidos

Publicador de contidos

Humanos e lobos comeron as mesmas presas fai 1,5 millóns de anos

Humanos e lobos comeron as mesmas presas fai 1,5 millóns de anos

Un estudo realizado nun xacemento de Orce, en Granada, analiza a convivencia das dúas especies

EFE 01/02/2023 12:17

O uso de técnicas de intelixencia artificial permitiulle a un equipo multidisciplinar de investigadores demostrar que humanos e lobos compartiron a carne das súas presas e morderon os mesmos ósos hai millón e medio de anos en Orce (Granada).

O traballo, en que participan investigadores da Universidade de Granada, a Complutense de Madrid e a Universidade de Salamanca, analizou como era a convivencia do ser humano co resto de especies animais, particularmente os carnívoros, para coñecer se competían polas presas ou as compartían.

O estudo estivo centrado no xacemento Barranco León de Orce (Granada), onde se comprobou que humanos e canis mosbachensis, un devanceiro dos lobos, compartían a carne das mesmas presas.

Grazas á combinación de tafonomía tradicional, morfometría xeométrica tridimensional e intelixencia artificial puidéronse descifrar as complexas interaccións entre carnívoros e humanos nos albores da humanidade europea.

En Barranco León atópanse diversas especies de carnívoros, desde unha grande hiena, tigres dentes de sabre, tres especies de cánidos, lobos e raposos, ademais duns osos pardos, aínda que só as hienas fracturan de maneira intencionada os ósos das súas presas.

As marcas de mordedura son como as impresións dixitais das especies de carnívoros extintas, aínda que para identificalas en ósos fósiles é necesario realizar un complexo labor de comparación.

O primeiro paso consiste en identificar as marcas de mordedura, escanealas cun alto grao de resolución, analizar o patrón morfolóxico de cada unha delas con morfometría xeométrica tridimensional e utilizar intelixencia artificial para o recoñecemento das marcas que determine a especie que as fixo.

Os resultados en Barranco León apuntaron que máis da metade das marcas son do devanceiro do lobo, e non de hiena, e que ademais se alimentaban de animais dun tamaño que non poderían cazar, polo que deberon ser preeiros.

A investigación, liderada por Lloyd A. Courtenay, da Universidade de Salamanca, e José Yravedra, da Complutense, enmárcase no ProyectORCE que dirixe o investigador da Universidade de Granada Juan Manuel Jiménez-Areas, e que determinou que humanos e lobos compartiron alimento. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade