Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hostaleiros de Santiago e Concello acordan cambios na recollida de residuos porta a porta

Hostaleiros de Santiago e Concello acordan cambios na recollida de residuos porta a porta

Haberá colectores na rúa e illas móbiles, e tamén se acordan cambios de hora na recollida do lixo

G24.gal 08/03/2023 14:53

A mesa de negociación sobre o sistema de recollida de residuos porta a porta rematou en Santiago cun achegamento entre hostaleiros e Concello.

Thor Rodríguez, presidente da asociación Hostalería Compostela destacou que "os colectores provisionais, que eran un dos principais escollos, porque eran os que permitían aliviar o lixo en locais onde non caben os cinco colectores e necesitan axuda para poder reciclar, quedan definitivamente".

Haberá colectores na rúa e illas móbiles, que darán servizo os locais que non abran pola tarde e os que teñan problemas de almacenamento.

Hai acordo tamén nos cambios de hora na recollida de residuos, como pedían os hostaleiros.

Lois Lopes, presidente da asociación hostalería.gal, defende que "ten que haber horarios en función da semana e da fin de semana, en función da tempada e de datas específicas de pontes, Semana Santa, Entroido, Nadal... e tamén en función da actividade das terrazas. Non pode ser que o camión de recollida pase cando nós aínda estamos con clientes".

Pasarán de mañá para vidro e envases, á última hora da tarde o papel e ás doce da noite orgánico e restos. Unha hora máis tarde as fins de semana e nas vésperas de festivo. 

Ao saír da xuntanza, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacaba o "clima de colaboración entre todos e unha actitude moi positiva para buscar solucións".

Volverán reunirse en dúas semanas para ir analizando os cambios e seguir avanzando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar