Homenaxe veciñal pola tráxica riada de Viveiro acontecida hai tres anos
Os alagamentos causaran a morte dunha muller que hoxe foi recordada pola veciñanza
O barrio reivindica que se executen as obras previstas para evitar que a traxedia poida repetirse
Os veciños do barrio da Xunqueira, en Viveiro, non dan borrado estas imaxes da súa mente. Hai xusto tres anos unha crecida do río por mor das intensas chuvias e da vexetación acumulada no leito levaba por diante coches e todo o que atopaba.
Moitos tiveron que subir ás partes altas das casas para salvar a vida, pero Amparo, de 83 anos, non o logrou.
Familiares e veciños quixeron renderlle unha homenaxe a Amparo coa colocación dunha placa na zona cero daquela traxedia.
Agardan un proxecto de medio millón de euros que prevé o ancheamento do leito e da sección das pontes. Os veciños din que xa tiña que estar feito, pero temen que poidan chegar ao cuarto aniversario da traxedia coas obras sen comezar.