Hidalgo: "O Málaga está nesa posición por méritos propios"
O técnico deportivista non descartou a volta ao once inicial do internacional sub-21 Yeremay Hernández
Hidalgo tamén cre que o seu equipo chega a este tramo decisivo do campionato no seu mellor momento porque foi evolucionando, “gañando estabilidade con balón e sen balón”
Antonio Hidalgo, adestrador do Deportivo, destacou este xoves a “valentía” e o “atrevemento” que está a exhibir nos seus partidos o Málaga, ao que reciben este sábado en Riazor, escenario dun duelo entre dous candidatos ao ascenso directo.
“Están nesa posición e loitando pola parte alta por méritos propios. Son un dos equipos máis en forma do último tramo, con moito dinamismo, moito talento e moito desborde. Eu véxoos moi ben”, comentou en rolda de prensa.
O preparador branquiazul non escatimou eloxios para o conxunto dirixido por Juan Funes, cuarto clasificado a tres puntos do Dépor.
“Son un equipo que quere atraerche, xuntando moita xente na primeira liña. Por iso será fundamental estar moi axustado nesa fase".
Hidalgo tamén cre que o seu equipo chega a este tramo decisivo do campionato no seu mellor momento porque foi evolucionando, “gañando estabilidade con balón e sen balón”.
“O outro día -ante o Córdoba- fomos un equipo sólido, cunha gran primeira parte, sobre todo. Pero iso xa non volve. Hai que seguir, mirar ao seguinte partido co Málaga porque nos vai a poñer as cousas moi difíciles, chega nun pico de forma brutal e temos que estar moi centrados nese partido”, subliñou.
O técnico deportivista non descartou a volta ao once inicial do internacional sub-21 Yeremay Hernández, e emprazou ao adestramento de mañá para ter máis información sobre o estado do capitán Diego Vilares.
“Yere vai nese proceso. Non é unha doenza sinxela, está a apertar ao máximo e sufrindo moitísimo. É o primeiro que quere estar en perfectas condicións. Hai que seguir coidándoo, escoitándoo e a ver como vai evolucionando”, respondeu ao ser preguntado polo estado físico do extremo.