Liberados tres reféns israelís e 369 presos palestinos no sexto intercambio da tregua
O grupo islamita entregou a Iair Horn, Sasha Trufanov e Sagui Dekel-Chen, secuestrados o 7 de outubro de 2023
A maioría dos prisioneiros palestinos regresaron a Gaza; 25 foron deportados a Exipto; 9 a Ramala e 2 a Xerusalén Este
O grupo islamita Hamas levantou un escenario na localidade de Jan Yunis, no sur da Franxa de Gaza, para entregar á Cruz Vermella os tres reféns israelís anunciados para este sábado.
A organización humanitaria escoltou os liberados, en aparente bo estado de saúde, ata o lugar onde se atopaban as forzas hebreas encargadas de sacalos da Franxa para reunilos coas súas familias.

Na cerimonia, presidida por un reloxo de area coa mensaxe: "O tempo está a esgotarse", liberaron a Iair Horn, de 46 anos, Sasha (Alexander) Trufanov, de 29, e Sagui Dekel-Chen, de 36, todos con dobre nacionalidade.
Segundo medios árabes, o recado vai dirixido a Einav Zangauker, unha das voceiras das familias dos reféns e nai de Mata, aínda cativo en Gaza. Das 251 persoas secuestradas por Hamas o 7 de outubro de 2023, 70 continúan na Franxa.
Posta en escena
Nunha posta en escena similar ás anteriores, con decenas de milicianos armados e coa cara tapada, podíanse ler carteis coas frases: "Non haberá migración, salvo a Xerusalén" ou "Cruzamos rapidamente".
Durante o acto, retransmitido en directo por Al Jazeera e varias cadeas xudías, os tres reféns tomaron a palabra e pedíronlle ao seu Goberno que manteña a tregua.

Este sexto intercambio estivo no aire durante unha parte da semana por diverxencias sobre o cumprimento do cesamento do fogo. Polo medio aparecera Trump ameazando con "desatar o inferno" se este domingo non quedaban liberados todos os reféns israelís antes das doce do mediodía.
A evidencia é que Hamás fixo caso omiso. Trump respondía pola tarde nas redes sociais sinalando que apoiará a Israel na decisión que adopte como represalia. Mentres, as familias agardan pola liberación dos setenta reféns que continúan retidos.
"É unha montaña rusa de emocións e tamén moi agridoce ao pensar nos que seguen retidos", di Ronli Nissen, unha das principais activistas do Foro de Reféns.

Presos palestinos
A cambio, o Exército xudeu liberou 369 presos palestinos, 36 deles condenados a cadea perpetua. Este é o sexto troco tras o alto o fogo acordado por ambas as dúas partes.
Os primeiros autobuses con prisioneiros procedentes de Israel chegaron a Rafah pouco despois da liberación dos tres reféns. A gran maioría volveu a Gaza, pero 25 foron deportados a Exipto, 9 a Ramala e 2 a Xerusalén Este.
"Tratáronnos cunha brutalidade coa que non se trataba antes ningún prisioneiro", di un liberado.
"Sentímonos orgullosos de obter a liberación grazas á resistencia", sinala outro.
Ata o de agora, Israel conseguiu a posta en liberdade de 24 secuestrados e Hamas, a devolución de 985 persoas cativas en territorio hebreo.
