Guia Risari e Paolo Domeniconi gañan o XIX Premio Internacional Compostela con 'El Hombre y la Luna'
Guia Risari e Paolo Domeniconi gañan o XIX Premio Internacional Compostela con 'El Hombre y la Luna'
A obra publicarase o vindeiro mes de novembro en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués
Os italianos Guia Risari e Paolo Domeniconi son os gañadores do XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados pola obra presentada co lema «El hombre y la luna».
O certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, ten unha dotación de 9.000 euros e o proxecto distinguido publicarase o vindeiro mes de novembro en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.
Licenciada en Filosofía Moral pola Universidade de Milán, Guia Risari completou a súa formación en Inglaterra cun Máster en Estudos Xudeus Modernos, e en Francia con investigacións doutorais sobre literatura comparada da migración. É escritora, tradutora, formadora e investigadora. Publicou e traduciu numerosos ensaios e novelas, obras de literatura infantil e poesía. Recibiu, entre outros, os premios Rocco Certo 2002, Parola di Donna 2003 e Romics 2026. Colabora con editoras, grupos de teatro, revistas e medios de comunicación, ademais de impartir cursos e obradoiros.
Paolo Domeniconi comezou a súa traxectoria artística na década de 1990, primeiro no sector publicitario e, anos despois, na edición para público infantil e xuvenil. A súa obra forma parte do catálogo de importantes editoras de Italia e Estados Unidos, e está presente en moitos países. Publicou uns 60 álbums ilustrados, libros educativos e cubertas para obras narrativas. Recibiu o XVI Premio Emanuele Luzzati 2017, no 2015 foi seleccionado por IBBY na colección de Libros para Mozos con Discapacidade, e no 2013 foi distinguido en Xenebra co Premio P’tits Mômes.
Ao XIX Premio Internacional Compostela presentáronse 265 traballos procedentes de 15 países, como Alemaña, Brasil, Ucraína, Perú, Turquía, Montenegro, México, Estados Unidos ou Reino Unido.
O xurado, que eloxiou a “variedade e a riqueza temática e plástica” dos proxectos, estivo formado pola ilustradora portuguesa Yara Kono, a ilustradora catalá Mercè Galí, o especialista en literatura infantil e xuvenil José Luis Polanco, o ilustrador Xosé Cobas, a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez, a concelleira de Educación de Santiago, Míriam Louzao, e Beatriz Varela como secretaria.
A acta do xurado destaca “a coherencia narrativa e harmónica entre o texto e as ilustracións de «El hombre y la luna», xunto coa súa “calidade literaria e poética” e, “especialmente, o tratamento da luz”.
A historia escrita por Guia Risari e ilustrada por Paolo Domeniconi conta a historia dun home, “observador dende neno dos detalles da natureza e os ciclos do tempo, que segue asombrándose cada mes ante a fermosura do luar”. Cunha “linguaxe precisa, o texto convida a descubrir a beleza e a súa contemplación de forma sinxela, compartida e emotiva”, envolvendo as lectoras e os lectores “nunha atmosfera onírica chea de misterio e curiosidade”.
«Contar hasta diez», da autora e ilustradora arxentina Ailin Monjeau, foi finalista cunha obra protagonizada por animais humanizados que presenta “a cidade como espazo de encontro e relato colectivo”. O xurado tamén lle concedeu unha mención especial a «Morada», da autora e ilustradora portuguesa Maria Luísa Ornelas Nogueira Lima. Ambas as dúas serán tamén publicadas no catálogo de KALANDRAKA.
O Premio Internacional Compostela fai 19 anos convertido nun “referente consolidado”, afirmou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, salientando que o certame contribúe a “recoñecer o traballo de xente consagrada como os gañadores, cunha obra importante ás súas costas”, así como propiciar “que haxa novos valores aos que se lles está dando unha oportunidade”, como as autoras da obra finalista e da mención especial, por tratarse dos seus primeiros proxectos, “cunha calidade excepcional”.