Grande afluencia de viaxeiros nas estacións de tren pola ponte festiva
Está previsto que máis de 6.000 trens circulen pola rede ferroviaria estes días
Está previsto que uns 6.150 trens de alta velocidade, media e longa distancia circulen pola rede ferroviaria durante esta ponte. Só da estación de Ourense sairán e chegarán máis dun cento estes días. A de hoxe foi unha xornada de constante ir e vir de viaxeiros, algúns aproveitan para facer unha pequena escapada, outros para volver a casa por uns días. No que coinciden é en que os billetes houbo que collelos con antelación porque moitos dos trens van cheos.
As estacións de tren son hoxe un ir e vir de xente nas que os máis afortunados estiran os festivos ata que remata a semana
"Ata o domingo, retornamos o domingo, si".
Moitos son os que marchan pero tamén os que aproveitan a ponte para estas pequenas vacacións antes do Nadal.
"Eu son de Salvaterra de Miño e veño aquí visitar os meus avós".
"Aproveitar a ponte e facer a árbore de Nadal".
Viaxes que nalgúns casos houbo que planificar con antelación para non quedar sen billete, especialmente cando se quere viaxar os venres, os domingos ou, como pasa estes días, ás portas dunha ponte festiva.
"Está bastante complicado, de feito o tren vai cheo. Nós pillamos os billetes hai máis dun mes, e varían moito os prezos tamén, xogan moito con iso".
"Tivemos que facer Santiago-Ourense e agora esperar ata coller o de Madrid porque non había xa directamente Santiago-Madrid".
Ata o vindeiro domingo máis de seis mil trens circularán por toda a rede ferroviaria, unha alternativa estes días para moitos viaxeiros sobre todo din, por comodidade.
"É máis cómodo, é máis rápido, é máis económico, entre aspas, depende un pouco da antelación coa que collas os billetes".
"Porque é moi cómodo, tarda moi pouco e aprovéitase moito mellor ao chegar alí, xa estás no centro".
Tanto é así que, por exemplo, para o próximo domingo dez de decembro están completos todos os trens que fan o traxecto Ourense-Madrid e Madrid-Ourense.