Publicador de contidos

Publicador de contidos

Grande afluencia de xente para participar no ensaio da vacina do virus sincipital

Grande afluencia de xente para participar no ensaio da vacina do virus sincipital

Na xornada do sábado participaron máis de 5.400 persoas

A máxima taxa acadouse nas áreas da Coruña e de Cee

O estudo pretende comprobar se o anticorpo é eficaz en adultos e se poden previr hospitalizacións

Un home recibe a vacina en Santiago. EFE/Xoán Rey. Un home recibe a vacina en Santiago. EFE/Xoán Rey.
G24.gal 17/01/2026 21:08 Última actualización 18/01/2026 13:26

Os hospitais públicos de Galicia están a rexistrar esta fin de semana unha grande afluencia de persoas para participar no ensaio clínico Sincigal da vacina do virus respiratorio sincitial (VRS).

A cidadanía galega de 18 anos en diante respondeu á chamada extraordinaria feita pola Consellería de Sanidade para que participasen no citado estudo, co que se pretende comprobar se o anticorpo é eficaz en adultos e se poden previr hospitalizacións.

Só na xornada do sábado participaron 5.400 persoas en toda Galicia. A máxima taxa acadouse na área da Coruña e Cee. 

Na súa primeira fase, o estudo estaba destinado ás persoas maiores de 60 anos, pero ampliouse á poboación maior de idade dando prioridade aos grupos de risco, entre os que se inclúe o persoal sanitario por mor do seu maior nivel de exposición a este virus.

As persoas que acudiron aos hospitais recibiron Abrysvo, vacina dos laboratorios Pfizer xa aprobada polas autoridades sanitarias para previr o VRS, e coa que o estudo Sincigal pretende demostrar na práctica a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega.

Antes do inicio este sábado da xornada extraordinaria de vacinación, un total de 19.400 persoas xa participaran no ensaio clínico Sincigal.

Estratexia

O estudo enmárcase na estratexia galega de saúde pública pragmática, que integra a investigación clínica co sistema sanitario real para xerar evidencias útiles que permitan optimizar a toma de decisións sobre políticas de vacinación.

A través da Dirección Xeral de Saúde Pública, a Xunta iniciou no 2023 un programa pioneiro de inmunización contra o Virus Respiratorio Sincitial en lactantes con resultados moi positivos, xa que se demostrou nunha porcentaxe moi elevada que a poboación infantil enferma menos.

Do que se trata agora co ensaio Sincigal é comprobar se a inmunización é igual de efectiva en persoas adultas para así incluíla no calendario de vacinas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade