Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goberno e transportistas negocian contrarreloxo a 48 horas dos paros

Goberno e transportistas negocian contrarreloxo a 48 horas dos paros

O Goberno di que atendeu todas as peticións do sector

As empresas acusan a ministra de falta de vontade negociadora

Antón Montero 17/12/2021 21:07

Goberno e transportistas apuran as negociacións a 48 horas da convocatoria de paro no sector. As tres principais federacións galegas de transportistas reuníronse para pactar os servizos mínimos que funcionarán durante os 3 días de paro que, se nada o remedia, comezarán o luns.

Alberto Vila, xerente de Fegatrans, di que "nós entendemos, e máis tal e como está a situación sanitaria en Galicia, que as farmacias e os centros hospitalarios hai que abastecelos; que o gando hai que alimentalo". 

E José Carlos García, secretario xeral de Fegatramer, engade "a recollida do leite fresco ou a distribución de vacinas".

Só un acordo de última hora entre Goberno e a patronal do sector permitiría desconvocar a protesta. Este venres volvéronse reunir. O executivo di que atendeu unha a unha todas as demandas dos camioneiros, incluída a prohibición da carga e descarga.

Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transporte, asegura que "teñen a proposta enriba da mesa con todas as medidas que supoñen un cambio histórico na consideración dos transportistas e de aquí esperamos saír cun acordo lexítimo, equilibrado".

Os transportistas lamentan a tardanza do Goberno en sentar a negociar para desconvocar un paro convocado hai máis dun mes. José Carlos García, secretario xeral de Fegatramer, cre que "fai falla que a ministra mostre unha vontade de negociar que ata a data non exteriorizou".

Moitos comercios adiantaron o aprovisionamento ante a ameaza do paro. Para os que pola súa natureza non poden facelo, só en Galicia a protesta podería deixarlles perdas por case 170 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade