Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goberno e sindicatos pactan sen a patronal subir as cotizacións para soster as pensións

Goberno e sindicatos pactan sen a patronal subir as cotizacións para soster as pensións

O incremento será do 0,6 % durante dez anos

CEOE e Cepyme descólganse do acordo

Antón Montero 15/11/2021 17:47

Goberno e sindicatos acordan subir as cotizacións sociais un 0,6 % durante dez anos. Entrará en vigor en 2023. Dese incremento, o empresario asumirá cinco décimas e o traballador, a parte restante. Esa recadación extra irá íntegra ao Fondo de Reserva das Pensións.

José Manuel Escrivá, ministro de Inclusión e Seguridade Social, explicou: "É un mecanismo continxente, temporal, que dará lugar a unha cotización pequena finalista das cotizacións sociais e que permitirá dotar outra vez o Fondo de Continxencias da Seguridade Social".

A idea é xuntar 50.000 millóns de euros para pagar as xubilacións dos nados durante o baby boom. Se non fai falla, os cartos usaranse para volver baixar as cotizacións ou mellorar a contía das pensións. O pacto chega sen a sinatura dos empresarios.

"Pregúntome por que non o fixeron, porque os elementos que están neste acordo responden ao que acordamos o un de xullo, e neste período non recibimos ningunha proposta por parte da CEOE", dixo o ministro.

Nun comunicado, a CEOE explicou que abandonaba a negociación tras xulgar insuficiente e desequilibrada a proposta do Goberno e por considerar que terá efectos negativos sobre o emprego, algo que negan os sindicatos.

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, cre: "Un incremento do 0,6 % nas cotizacións da Seguridade Social ten un efecto marxinal sobre que se cree ou non se cree emprego".

Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, lembrou: "Desde o ano 82 baixóuselles catro puntos pola cara ás empresas a cotización á Seguridade Social e ninguén protestou".

É o segundo grande acordo social da lexislatura en que os empresarios quedan fóra despois da suba do salario mínimo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade