Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno e a sanidade británica encubriron un escándalo de sangue contaminado

O Goberno e a sanidade británica encubriron un escándalo de sangue contaminado

As transfusións con sangue contaminado infectaron máis de 30.000 persoas co VIH e a hepatite C

Calcúlase que uns 2.900 adultos e nenos morreron como consecuencia do tratamento

G24.gal 20/05/2024 16:07 Última actualización 20/05/2024 19:44

O sistema público de sanidade e o Goberno británico "encubriron" un escándalo de transfusións de sangue contaminado no Reino Unido durante décadas despois de que as vítimas fosen expostas a riscos "inaceptables" a propósito, segundo un informe difundido este luns.

As transfusións con sangue contaminado infectaron presuntamente máis de 30.000 persoas co VIH e a hepatite C.

O primeiro ministro británico, Rishi Sunak, pediu este luns no Parlamento desculpas "de todo corazón" pola "terrible inxustiza" cometida cos decenas de miles de afectados.

"Hoxe é un día de vergoña para o Estado británico": Así comezou Sunak a súa solemne intervención ante a Cámara dos Comúns.

"Desde o National Health Service (Sanidade pública) ao funcionariado, aos ministros en sucesivos gobernos, a todos os niveis a xente e as institucións en quen depositamos a nosa confianza fallaron da forma máis horrorosa e devastadora", engadiu o xefe do Goberno conservador.

As pescudas, levadas a cabo durante cinco anos no Reino Unido determinaron que as infeccións e mortes de pacientes non foron un "accidente" senón que poderían "evitarse maioritariamente".

O exmaxistrado a cargo da investigación dixo que o desastre do sangue infectado "continúa ocorrendo", xa que algúns dos pacientes afectados "seguen morrendo cada semana".

Entre os erros detectados denúnciase que as autoridades sanitarias foron "demasiado lentas" á hora de responder aos riscos e identificouse un "fracaso no réxime de licenzas" nas importacións (de doadores dos Estados Unidos) que "se entendía que eran menos seguras que os tratamentos nacionais".

Tamén se viron evidencias que apuntan a que houbo nenos que foron tratados "de maneira innecesaria" con tratamentos "non seguros" e algúns foron utilizados como "obxectos de investigación" mentres se ignoraron os riscos de contraer hepatites e VIH nun colexio no que o alumnado foi tratado por hemofilia.

Ese caso deuse no internado Lord Mayor Treloar College, no condado inglés de Hampshire. Dos 122 alumnos con hemofilia que asistían a ese centro entre 1970 e 1987, só 30 seguen hoxe con vida.

O escándalo orixinouse durante as citadas décadas, cando miles de persoas que requiriron transfusións de sangue e medicamentos para a hemofilia na Sanidade pública (NHS) foron expostas a sangue contaminado con VIH, hepatite B, C e enfermidades virais crónicas produto da falta de análises que controlasen as doazóns.

Sangue contaminado con hepatite C seguiu usándose ata 1991, dous anos despois de que o virus se identificase formalmente.

Ao parecer, máis de 30.000 pacientes da sanidade pública puideron contaxiarse, e ao longo dos anos uns 2.900 adultos e nenos morreron como consecuencia dun dos maiores desastres sanitarios na historia do país.

Nos anos 70 introduciuse un novo tratamento contra a hemofilia que requiría unha gran cantidade de reservas sanguíneas, o que obrigou o Reino Unido a importala dos Estados Unidos, onde os doadores-moitos deles de grupos de risco- recibían un pago polo seu sangue. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade