Publicador de contidos

Glasgow lidera decenas de marchas no mundo polo clima: "Non hai planeta B"

Glasgow lidera decenas de marchas no mundo polo clima: "Non hai planeta B"

En Glasgow, onde se celebra a COP26, unhas 50.000 persoas marchan pola xustiza climática

G24.gal 06/11/2021 18:33

Milleiros de persoas marcharon este sábado en cidades de todo o mundo para esixir accións contra o cambio climático. En Glasgow sobre 50.000 persoas ocuparon o centro de cidade escocesa onde se celebra o cumio do Clima (COP26).

No marco do Día Global de Acción pola Xustiza Climática, este 6 de novembro, os organizadores de "Fridays for Future" aseguran que se celebraron 300 eventos en Gran Bretaña e en todo o mundo, entre eles París, Bruxelas, Amsterdam, Melbourne ou Seúl.  Os lemas das pancartas eran entre outros "Non hai planeta B", "Xustiza Climática agora" ou "Acción".

As marchas prodúcense despois de que o venres milleiros de mozos activistas, entre eles Greta Thunberg e Vanessa Nakate saíran ás rúas de Glasgow para protestar contra o investimento en combustibles fósiles e a incapacidade de tratar a crise climática.

Thunberg cualificou a COP26 de "festival de lavado de imaxe verde", con dúas semanas de "bla, bla, bla" por parte dos políticos.

As manifestacións suceden ao remate da primeira semana do cumio de Glasgow cos países baixo a presión de incrementar as accións para recortar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro que provocan o cambio do clima global.

Intentan evitar os peores impactos do quecemento, garantir o financiamento para a acción climática dos países pobres e o establecemento dos mercados de carbono.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade