GKN retira o ERE en Vigo tras chegar a un acordo co persoal
Non subscribiu o acordo o sindicato CUT ao considerar que non se pecharon "aspectos fundamentais" e non hai "ningún compromiso" por parte da empresa "de non iniciar outro ERE se a situación o require"
O persoal da empresa de compoñentes de automoción GKN Driveline Vigo ratificou o acordo que alcanzaran a firma e o comité de empresa, polo que se retira o procedemento de despedimento colectivo que previra.
O acordo para deixar sen aplicación o expediente de regulación de emprego (ERE) inclúe a ampliación da cláusula de flexibilidade laboral do convenio -4 días ao mes-, o que permite ampliar os días de inactividade retribuída en situacións puntuais de descenso de carga de traballo.
O pacto, sostén GKN, é resultado dun proceso de negociación que se desenvolveu "desde o diálogo e a responsabilidade, co obxectivo de afrontar a situación actual e garantir a viabilidade do proxecto industrial".
A compañía valora positivamente o acordo alcanzado e agradece a disposición de todas as partes implicadas durante o proceso.
Fontes sindicais sinalaron que este xoves concluíron as votacións e unha ampla maioría, un 81% do persoal, apoiou a firma dun preacordo do comité coa dirección de empresa.
Para os sindicatos asinantes, conseguiuse o obxectivo de que GKN retirase o ERE a cambio de saídas non traumáticas.
Non subscribiu o acordo o sindicato CUT, segundo a cal o feito de que a "propia representación asinante" do acordo tivese que "preguntar á empresa como se computarían os 4 días de flexibilidade ao mes e o seu abono no cálculo da nómina" evidencia que "se votou e asinou sen pechar aspectos fundamentais".
Tamén lamentou que non exista por parte da empresa "ningún compromiso de non iniciar outro ERE se a situación o require".
Para este sindicato, "os votos a favor non poden interpretarse como un apoio real nin convencido ao preacordo, senón como un voto condicionado polo medo, pola presión do contexto e pola ausencia de alternativas reais".