Gardacostas de Galicia: 35 anos salvando vidas e loitando contra o furtivismo
No que vai de ano realizaron 6.000 inspeccións e comisaron 18.000 aparellos de pesca
Contan con 24 embarcacións e dous helicópteros cos que fan labores de control e salvamento
Nada mellor para coñecer o traballo dos Gardacostas que acompañalos nunha das súas inspeccións diarias. Hoxe a patrulleira Mar de Galicia e a súa lancha auxiliar rastrexan os fondos do litoral de Corcubión.
"Hoxe estamos quitando artes ilegais, non están balizadas nin identificadas. Hai que retiralas porque inflúen moito no esforzo pesqueiro", explica Juan Carlos Codesido, xefe de Servizo de Protección de Recursos.
E é que o control da pesca ilegal, desde a extracción ata o consumidor, é unha das misións fundamentais do servizo. O furtivismo, recordan, é unha lacra para o sector, un perigo para o consumidor e unha ameaza para os recursos mariños. Pero sempre hai quen arrisca, nunha mañá de traballo este é o resultado...
"Retiramos 115 nasas de nécora e camarón, que estaban sen baliza, polo tanto sen dono. E devolvemos ao mar 15 quilos de polbo. Agora facemos acta da inspección e como non hai propietarios as levamos ao almacén para destruílas", comenta Enrique Rodríguez, xefe de Operacións e Vixilancia.
A Conselleira do Mar tamén celebrou a bordo o aniversario dos Gardacostas, poñendo en valor as súas intervencións.
"Neste primeiro semestre do ano xa levamos feitos uns 6.000 controis, que amosan o traballo constante e a importancia desta unidade. Pero tamén hai que destacar a loita que fan os Gardacostas contra a contaminación mariña ou o importante papel no rescate e salvamento de persoas.", sinala Marta Villaverde.
Concretamente salvaron a vida de máis de 1.700 persoas cun servizo que opera sen descanso todos os días e noites do ano e que tamén ten unha destacada función na contención de verteduras contaminantes.