Publicador de contidos

Publicador de contidos

García Ortiz incorporarase á Fiscalía do Social do Supremo tras a súa condena

García Ortiz incorporarase á Fiscalía do Social do Supremo tras a súa condena

A Inspección da Fiscalía Xeral deberá estudar como afecta a sentenza á condición de fiscal de García Ortiz

A Avogacía do Estado pedirá ao Supremo a nulidade da condena 

Álvaro García Ortiz, na toma de posesión da súa sucesora, Teresa Peramato, como fiscala xeral do Estado, en decembro de 2025 (Alberto Ortega/Europa Press) Álvaro García Ortiz, na toma de posesión da súa sucesora, Teresa Peramato, como fiscala xeral do Estado, en decembro de 2025 (Alberto Ortega/Europa Press)
G24.gal 12/01/2026 11:31 Última actualización 12/01/2026 12:04

Álvaro García Ortiz incorporarase como fiscal á Sección Social do Tribunal Supremo tras ser condenado a inhabilitación como fiscal xeral do Estado.

Fontes fiscais confirman a EFE a noticia, adiantada por El Mundo, de que o que foi líder do Ministerio Público pediu incorporarse a esta sección, que aínda que non deixa de ser unha praza na Fiscalía do Tribunal Supremo, é ao mesmo tempo una das máis tranquilas do Ministerio Público e con menor exposición mediática, que é unha das intencións que buscaba o propio fiscal.

García Ortiz, que ten condición de fiscal de Sala, máxima categoría profesional no Ministerio Público, chega ao Supremo sen saber aínda que ocorrerá co seu futuro na carreira fiscal.

A Inspección da Fiscalía Xeral deberá estudar como afecta a sentenza á condición de fiscal de García Ortiz, é dicir, se o expulsa ou o suspende como fiscal, en virtude do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, algo que o Supremo ve "excesivo", aínda que recoñece que "as consecuencias extraprocesais da condena" non son competencia súa.

O Supremo impuxo a García Ortiz dous anos de inhabilitación para o cargo de fiscal xeral e 7.200 euros de multa por un delito de revelación de datos reservados así como unha indemnización a Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, de 10.000 euros.

A Avogacía do Estado pedirá ao Supremo a nulidade da condena a García Ortiz

A Avogacía do Estado presentará ante o Tribunal Supremo (TS) un incidente de nulidade da sentenza que condenou a dous anos de inhabilitación ao exfiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz por un delito de revelación de segredos, confirmaron a EFE fontes do Goberno.

A Avogacía do Estado, que exerce a defensa de García Ortiz, rexistrará nas próximas horas o incidente de nulidade e pedirá así mesmo que se suspenda de forma cautelar a execución da sentenza.

Estes movementos, que adiantou eldiario.es e confirmaron a EFE fontes do Executivo, son os pasos previos antes de recorrer ao Tribunal Constitucional a sentenza que ditou a Sala do Penal do Supremo.

O prazo para presentar o incidente de nulidade termina este martes, algo que xa fixo a Fiscalía, tamén desconforme coa condena ao anterior fiscal xeral pola filtración da oferta de acordo de González Amador ao ministerio público na que admitía dous delitos fiscais.

Quen si presentou xa ese incidente foi a Fiscalía do Tribunal Supremo, que pediu ao Alto Tribunal que anule a sentenza que condenou a Álvaro García Ortiz.

No escrito, María de los Ángeles Sánchez Conde, tenente fiscal da Fiscalía do Supremo, segue en boa parte os razoamentos recollidos nos seus votos particulares polas dúas maxistradas que se opuxeron á condena.

Sánchez Conde cre que a sentenza debe ser anulada, entre outras cousas, porque vulnerou o dereito á presunción de inocencia de García Ortiz ao prescindir do testemuño dos xornalistas que declararon na vista e que acreditaron que estaban en posesión do correo do 2 de febreiro de 2024 -o que filtrou, segundo a sentenza- con anterioridade a que o tivese o fiscal xeral.

E lembra que a difusión da nota de prensa, en que a Fiscalía trataba de desmentir unha versión "nesgada e falaz" da negociación entre González Amador e os fiscais que o investigaban por fraude fiscal, quedara fóra dos feitos imputables, xa que a propia sala a considera non punible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade