O Foro da Economía Social chama a contratar máis traballadores en risco de exclusión
O presidente do Foro Celso Gándara pide que as administracións locais potencien a reserva de contratos para colectivos con discapacidade ou en risco de exclusión
O presidente do Foro Galego da Economía Social Celso Gándara pide potenciar a política de contratación pública que usa "contratos reservados para centros especiais de emprego ou empresas de inserción" e apunta que "no ámbito local hai unha grande oportunidade para usar estes instrumentos".
Nunha entrevista no Galicia por diante, Gándara explicou que o sector está centrado en aproveitar a oportunidade que supón o PERTE da economía social que puxo en marcha o Goberno: "Aproveitar este momento en sectores como a economía dos coidados, a xestión de residuos, as industrias culturais, as comunidades enerxéticas, que son sectores que cremos se poden desenvolver dunha maneira importante desde a economía social".
Gándara avaliou tamén un 2022 en que Santiago foi a capital española da economía social. O presidente do Foro cre que foi unha oportunidade para situar mellor a Galicia no ámbito estatal nesta cuestión.