Galicia segue en alerta por calor con máximas por encima de 40ºC e noites tropicais
Vigo e Lousame rexistraron con 28ºC as temperaturas mínimas máis elevadas na segunda "noite tropical" consecutiva en Galicia

Galicia mantense este luns en alerta polo episodio de calor iniciada o venres pasado, con máximas que superan os corenta graos nalgúns puntos da rexión e noites tropicais nas que os termómetros apenas baixan.
Meteogalicia mantén hoxe en alerta laranxa (risco meteorolóxico importante por fenómenos non habituais) áreas do centro, do sur e a montaña de Lugo e, en Ourense, zonas do noroeste e a ribeira do Miño.
O resto da provincia de Ourense e o interior da Coruña e Pontevedra están en amarelo, un nivel que indica risco para actividades concretas ou persoas vulnerables.
Noites tropicais
Galicia viviu esta madrugada o que se define como unha "noite tropical", con temperaturas mínimas que non baixaron de 20 graos en gran cantidade de localidades.
Así, Vigo, con 28,3 graos, e A Muralla, no concello coruñés de Lousame, con 28 graos, foron as máximas temperaturas rexistradas durante esta madrugada de luns, ás 2:40 horas e 4:00 horas da madrugada respectivamente.
Outros municipios como Cuntis e Fornelos de Montes foron outros municipios galegos que superaron os 25 graos en horario nocturno. É a segunda noite consecutiva con temperaturas mínimas elevadas en Galicia no marco dunha onda de calor que afecta a toda España.
A temperatura récord do pasado domingo, segundo os valores recollidos por MeteoGalicia, rexistrouse en Ourense cidade, ás 16:30 horas, que chegou aos 42.9 graos.
Este luns, 30 de xuño, continuará a chegada de aire cálido africano a Galicia, polo que se espera ceo despexado en xeral e néboa no litoral e nas zonas de interior, que romperán co avance da mañá. A Xunta activou os niveis de alerta 2 e 3 por altas temperaturas en diferentes zonas de Galicia.