Galicia ten vinte variedades de oliveira únicas no mundo
Investigadores do CSIC lograron identificalas con probas de ADN en oliveiras centenarias
O obxectivo é poñelas a disposición do sector para elaborar aceites diferenciados
Foron dez anos de traballo que acabaron dando moito froito. Despois de analizar as mostras das oliveiras máis antigas de Galicia, os investigadores do CSIC descubriron que alí había un tesouro.
"Identificamos vinte variedades diferentes, únicas, once delas están en fase de rexistro para recoñecemento internacional e outras dúas, a Mansa e a Brava xa se poden comercializar porque xa están recoñecidas" explica Carmen Martínez Rodríguez, a directora desta investigación da Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.
Para chegar a esta conclusión mediron follas, froitos e ósos. Decribíronas e fixéronlles a proba de ADN cunha PCR que lles di se esa xenética coincide con algunha variedade xa coñecida no mundo.
" O que facemos é comprobar que o ADN que quitamos das follas non coincide cos das bases de datos internacionais e publicacións que hai no mundo para ver se son únicas", comenta Jose Luis Santiago, un dos científicos que participa no estudo.
O obxectivo agora é multiplicalas a grande escala en viveiros pra que os produtores dispoñan dunha planta certificada, adaptada ao terreo e cun interesante potencial aceiteiro.
"Producen un froito e un aceite distintos, o que busca o mercado, produtos únicos ligados ao territorio e cunha historia detrás", destaca a xefa da investigación.
Unha historia de resistencia, a das oliveiras galegas, que se salvan da extinción da man da ciencia e dos agricultores que aposten por traballar con estas castes do país.