Galicia tece unha rede de axuda humanitaria co pobo ucraíno
As iniciativas solidarias postas en marcha por todo o país son incontables
A solidariedade con Ucraína superou todas as expectativas de Chela Santalla, unha coruñesa que, coa axuda do seu irmán e coa colaboración de Hambre Cero, coordina unha recollida de produtos de primeira necesidade na praza de Lugo.
En apenas dúas horas reuniron moitísima roupa e pasaron a priorizar os alimentos, preferentemente enlatados e listos para comer.
No barrio coruñés dos Mallos a florería La Pettite é un dos puntos de doazón da Asociación Galega de Axuda a Ucraína. Na Agra do Orzán, a tenda Labores Sheila tamén recolle alimentos, medicinas e material sanitario.
Son só tres das incontables iniciativas que conectan o corazón de Galicia co pobo ucraíno. Por toda a comunidade, técese unha rede humanitaria con fíos nas diferentes cidades e vilas.