Galicia suma 573 contaxios pero a presión hospitalaria mantense estable
Hai dúas persoas máis en UCI e cinco menos en planta
Vigo e Ourense seguen a ser as áreas sanitarias máis afectadas
A circulación da covid-19 continúa a súa expansión en Galicia. Segundo os datos que acaba de publicar o Sergas, rexistráronse 573 novos contaxios (+73) nas últimas horas. En total, hai 4.396 casos activos, 426 máis ca este venres. A cifra multiplicouse por oito desde comezos de novembro.
Este incremento non está a afectar, polo momento, á presión hospitalaria que se mantén estable. Vigo e Ourense seguen a ser as áreas sanitarias máis afectadas, con máis dun milleiro de infeccións confirmadas.
Situación hospitalaria
Nestes momentos hai 104 persoas coa doenza ingresadas nos hospitais galegos, tres menos ca a xornada anterior. Delas, 89 están en planta (-5) e 15 nas Unidades de Coidados Intensivos (+2). En dúas semanas duplicouse o número de ingresos e xa non hai ningunha área sen pacientes coa covid nas súas UCI.
Desde o inicio da pandemia en Galicia, contaxiáronse un total de 188.511 persoas e curáronse 181.485. A cifra de falecementos elévase a 2.666. Nas últimas horas non se notificaron mortes e no que levamos de semana perderon a vida catro persoas infectadas.

A incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 148,12 casos por cada cen mil habitantes, catorce puntos máis que o día anterior, aínda que segue por baixo da media española (171,68). No que respecta á taxa de positividade das probas diagnósticas, en Galicia é do 5,36 %, mentres que a estatal alcanza o 6,08 %.
Datos por áreas
Vigo e Ourense, ambas as dúas por riba dos mil casos, seguen a ser as áreas sanitarias que rexistran un maior incremento, superior ao centenar.
Na de Vigo, o número de persoas coa infección activa ascende a 1.202 e na de Ourense a 1.134. Na Coruña hai 636 casos; en Lugo 435; en Pontevedra 380; en Santiago 385; e en Ferrol 224.
En Galicia administráronse ata o momento un total de 4.856.013 dose da vacina contra a covid-19 e xa hai 2.303.322 persoas coa pauta completa.