Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia rexorde na recreación do Banquete de Conxo

Galicia rexorde na recreación do Banquete de Conxo

Os romeiros recrean o acto histórico que xuntou á intelectualidade e aos obreiros en 1856

Na praza do Toural realizouse a representación da efeméride que xa vai pola súa sétima edición

Na campo da festa de Conxo celébrase unha comida popular amenizada por diversas actividades culturais

 

G24.gal 24/05/2026 16:15

"Que non naceu para escravo o home". Con ese brinde, a intelectualidade compostelá celebraba en 1856 a súa reivindicación de xustiza social e do galeguismo poñéndose ao servizo de obreiros e artesáns nun histórico xantar e romaría.

Foi a xénese do Banquete de Conxo que esta mañá recreábase cunha representación teatral na santiaguesa praza do Toural na que os límites entre realidade e ficción esvaecense.

"É unha reivindicación pacífica na que nos xuntaremos en Conxo e na que nós,  os estudantes, serviremos aos artesáns" dramatiza un dos actores do grupo Quinquillán, que interpreta a Aurelio Aguirre, un dos impulsores, xunto con Eduardo Pondal entre outros,  do banquete orixinal a mediados do século XIX.

"Todos eses que estaba aí no banquete de Conxo, en 1856, foron  os futuros poetas da época, os impulsores dos ideais da revolución francesa pero tamén do Rexurdimento e da galeguidade de Galicia", lembra Eva Armental, da asociación veciñal Conxo Aberto.

Compostela somerxeuse por momentos na metade do século XIX, cos romeiros, e mesmo coas autoridades, tomando parte por cada un dos colectivos en conflito.

A recreación do banquete de Conxo acada a súa sétima edición, cunha presenza crecente de rapazada, que participan dun acto no que historia, romaría e diversión xuntan todo nun. 

"Con trece anos que se involucren nas actividades que hai no barrio, que nós somos de Conxo, é unha marabilla", afirma unha das nais asistentes á festa.

Os romeiros desfilaron polas rúas da zona vella cara ao o campo da festa de Conxo, para celebrar o xantar e lembrar o compromiso da intelectualidade co pobo e con Galicia hai xa case dous séculos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade