Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Virxe do Viso congrega centos de romeiros en Lobeira

A Virxe do Viso congrega centos de romeiros en Lobeira

O santuario de Lobeira reuniu música, artesanía e tradición nunha das grandes romarías da Baixa Limia

G24.gal 24/05/2026 14:36

Polo menos 16 persoas son necesarias para tirar polo carro da Virxe do Viso. Outras tantas para portar as bandeiras e os estandartes. Pero hai moitos máis devotos.

“Se hai algún apuro ou algunha enfermidade, sempre vimos pedirlle á Virxe e facerlle a novena. O día de hoxe é moi bonito”, di unha romeira.

“Ti, se lle vas pedir algo, pídeo agora, que cho vai conceder”, afirma un devoto.

“Isto vén de moitos anos atrás e seguimos mantendo a mesma tradición”, indica un veciño de Lobeira.

A Nosa Señora do Viso ten centos de fieis que este domingo volveron cumprir coa tradición de acompañala ata o seu santuario, no alto do monte do Viso, en Lobeira.

“O camiño agora faise ben, porque antes era unha pista mala”, sinala un romeiro.

“Segundo lle axudes a ela, tamén nos vai axudando a nós", di unha devota.

“Ándase pronto, ándase pronto”, comenta unha romeira.

Entre gaitas, música tradicional e un ambiente de fonda devoción, a procesión ascendeu ata os 852 metros de altitude dun dos miradoiros naturais máis impresionantes da Baixa Limia.

“É a primeira vez que veño. Veño desde Asturias só para vir á feira, comer arriba e pasar o día”, di un visitante.

“Cando nos pasa algo, facémoslle un ofrecemento. Agora mesmo veño de poñerlle uns velóns. Estiven 47 anos vivindo en Barcelona e, se eu non estaba aquí, pedíalle á xente que mos puxera: polos nenos, por min, polas enfermidades...”, sinala unha romeira de Lobeira.

Unha romaría con séculos de historia que cada Pentecoste reúne familias enteiras, veciños e visitantes arredor da fe, da tradición e tamén da convivencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar