Misas, romaría popular e verbena no San Bieitiño de Lérez
Esta é unha das festas con máis tradición, onde os devotos cumpren co ritual coa esperanza de curar algunhas enfermidades da pel
Veciños de Pontevedra e visitantes xúntanse este sábado nunha das festas da cidade con máis sona: a do San Bieitiño.
Uns asistentes explican porqué viñeron á festa:
"É bonito, gústame. É a primeira vez que vimos aquí e é unha festa como as que facemos en Portugal". "Vimos ensinarlle á miña parella, que vén desde o Canadá para ver como é a romaría". "Paréceme moi bonito. Vou curar as verrugas".
As misas sucédense desde pola mañá cedo ata a noite. O San Bieitiño ten moitos devotos dispostos a seguir todo o ritual, que inclúe recoller o aceite co que agardan curar as enfermidades da pel, a cambio dun donativo.
"Agora vou entrar na misa e pasar por debaixo de san Bieitiño, sempre paso, son moi devota del e logo imos comer algo por aí". "É milagreiro como di a canción. Son de Lérez, veño toda a vida e sempre que lle pido as cousas sempre as concede". "Gústanos escoitar unha misa, andar por aquí, mirar os postos", explican os devotos.
A romaría celébrase na contorna do mosteiro beneditino e conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Grupos de música tradicional animan a xornada que se pechará cunha verbena.