Rueda promete "normalidade" para Galicia nunha España que "necesita decencia"
Díxoo na tradicional romaría que organiza o PP provincial da Coruña no Pino, que nesta oitava edición reuniu unhas 4.500 persoas
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, comprometeuse este sábado a traballar para que Galicia "siga sendo esa illa de normalidade e estabilidade entre tanto disparate".
Díxoo durante a súa intervención na tradicional romaría que organiza o PP provincial da Coruña no Pino, que nesta oitava edición reuniu unhas 4.500 persoas, e que clausurou o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.
O líder dos populares galegos animou os cargos, militantes e simpatizantes a volver o ano que vén a romaría cos deberes das municipais, que se celebrarán en maio do 2027, cumpridos.
Recoñeceu que o partido non poderá gañar nos 93 concellos da provincia, pero asegurou que quere ter un alcalde da Coruña, de Ferrol e de Santiago e "a partir de aí todo o que teña que vir".
Alfonso Rueda agradeceu o apoio que recibe para construír "a Galicia do si" e reivindicou as políticas da Xunta en educación, sanidade ou vivenda e para atraer proxectos industriais. Contrapuxo a súa xestión coa da Moncloa, onde non hai, afirmou, "ninguén ao mando".
Sobre a situación da política en España, o presiente do PP de Galicia asegurou que "necesita limpeza, decencia, dirección e o sentidiño que lle ten que dar Alberto Núñez Feijóo" e este respondeu que quere levar "modelo de Galicia" ao Goberno de España.
"Aquí non se goberna para resistir, aquí gobérnase para servir", defendeu o líder dos populares, que prometeu traballar para que "o próximo presidente de España sexa exactamente o Feijóo que Galicia coñece".