Galicia perde pensionistas, mentres España suma un xubilado cada sete minutos
O maior descenso dáse nas provincias de Lugo e Ourense, e só a da Coruña ten agora máis xubilados que hai seis meses

O caso de Galicia é estraño dentro do conxunto de España. Mentres o total do Estado suma pensionistas, e conta 39.703 máis nos últimos seis meses, en Galicia no mesmo período rexistráronse 863 xubilados menos dos que había cando finalizou o ano 2024.
Segundo os últimos datos publicados pola Seguridade Social, a realidade do país é común, aínda que máis acelerado, á doutros territorios con problemas de despoboamento e que son veciños como as provincias de Zamora ou León.
Ese descenso dos pensionistas en Galicia nos seis primeiros meses do ano, dun 0,18 %, é máis grande se se atende ás provincias de Lugo, onde chega ao 0,71 % (479 menos) e Ourense, un descenso do 0,52 % (351 menos). No caso de Pontevedra a caída é menor, un 0,10 % (151 menos), mentres que A Coruña si rexistra un saldo positivo, aínda que mínimo (136 máis).
Outro dato rechamante é que a redución no número de xubilados non é consecuencia dunha caída da poboación en xeral, xa que non se dá nas provincias galegas.
Ampliando o período analizado, nos últimos 20 anos son catro as provincias que viron reducido o número dos seus xubilados: un 12,6 % Lugo (10.060 menos), un 6,3 % Zamora (2.076 menos), un 6,1 % Ourense (4.309 menos) e un 3,8 % Teruel (908 menos).
España incrementa o número de pensionistas
España suma ao día case 220 persoas á nómina de xubilados, unha cada aproximadamente sete minutos, que amplían de forma continua un colectivo cada vez de maior idade, xa por encima dos 75 anos de media.
En xuño pasado había en España 6.473.360 persoas xubiladas -3.838.874 homes e 2.634.467 mulleres-, que percibían unha pensión media de 1.506 euros mensuais -1.722,56 eles e 1.200,86 elas- e tiñan unha idade media de 75 anos e 18 días -lixeiramente superior no caso das mulleres-.
Isto supón, comparándoos coas estatísticas de anos anteriores do propio Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), 39.703 pensionistas máis nos últimos seis meses, un 0,62 % máis; 528.857 máis nos últimos cinco anos, un 8,9 %; e 1.862.896 máis nos últimos 20 anos, un 40,4 %.
Unhas subidas moito maiores, ata catro veces superiores no último semestre, que as do conxunto da poboación, que foron de aproximadamente o 0,15 % desde o 1 de xaneiro, do 3,8 % en cinco anos e do 12,5 % en 20 anos.
Respecto á idade media dos xubilados, que progresou moi lentamente ata alcanzar os 75 anos en marzo pasado, aumentou en case un mes no que vai de ano, en máis de 4 meses desde xuño de 2020 e en preto de 11 meses desde mediados de 2005.
En xuño os xubilados con maior idade media eran os de Lugo e Ourense, por encima dos 77 anos, e os máis novos os de Ceuta e Melilla, estes últimos os únicos cuxo media estaba por debaixo dos 74 anos (73 e catro meses).