Galicia mantén a baixada de infeccións, de contaxios e de ingresos por covid
O Sergas comunica sete novos falecementos por coronavirus, o que eleva a cifra de decesos durante a pandemia a 3.074 persoas
Aínda que baixa o número de pacientes nos hospitais, hai un enfermo máis nas UCI
Os indicadores da incidencia da pandemia de coronavirus en Galicia seguen a mellorar cada xornada que pasa o que indica que a sexta vaga remite. Hai, con datos das 18 horas do venres, 30.651 persoas coa infección activa, que son 2.172 menos que as 24 horas anteriores.
Os novos diagnósticos detectados nas probas diarias baixan dos dous mil e son 1.972, (-397).
Tamén se reduce o número de pacientes que permanecen nos hospitais que son agora 569, (-15). Os enfermos ingresados en planta son 536, (-16), pero son 33 os que permanecen nas UCI, (+1).
Pola contra aumentan os falecementos por coronavirus. O Sergas notifica a morte de sete persoas máis por covid en Galicia o que alza a cifra de decesos durante a pandemia a 3.074.
Situación por áreas sanitarias
A melloría, con menos infeccións activas e menos contaxios diarios, prodúcese nas últimas 24 horas en todas as demarcacións sanitarias galegas. En Ourense hai dúas persoas máis ingresadas nas UCI que na xornada anterior, polo que son oito os que precisan esta atención especializada,, pero Lugo e Ferrol só teñen un paciente ingresado en agudos.
A Coruña : 6.590
Vigo : 6.432
Ourense : 3.499
Santiago : 5.364
Lugo : 3.423
Pontevedra : 3.392
Ferrol : 1.609