Galicia gañou 5.576 habitantes no terceiro trimestre do ano, ata os 2,72 millóns
O aumento débese á chegada de persoas doutros países e que compensan a caída da poboación galega con nacionalidade española
A poboación española chega a 49,4 millóns, o seu máximo histórico
A día 1 de outubro deste ano Galicia contaba con 2.726.314 persoas residentes, 5.576 máis, o 0,2 % que tres meses antes, segundo os datos da Estatística Continua de Poboación, publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Este aumento da poboación débese, novamente, á chegada de persoas doutros países, 7.514 máis entre o 1 de xullo e o 1 de outubro; que compensan a caída de poboación galega con nacionalidade española, 1.938 persoas menos no mesmo período.
Do total da poboación galega ao 1 de outubro, o 87,1 % teñen nacionalidade española (2.374.951 persoas); mentres que o restante 12,9 % (351.363) tiñan nacionalidade estranxeira, unha de cada sete residentes en Galicia.
A poboación galega creceu en case 15.000 persoas nun ano
Cos datos divulgados este martes polo INE a data do 1 de outubro, a poboación galega aumentou en 14.652 persoas, un 0,5 %, no último ano.
Este crecemento, novamente, foi debido á chegada de persoas doutras nacionalidades distintas á española; case 30.000 nese período; 28.963 persoas, concretamente.
Deste xeito compensaron a perda de máis de 14.000 persoas de nacionalidade española nos últimos doce meses (14.311).
A poboación española chega a 49,4 millóns, máximo histórico
No conxunto do Estado a poboación residente aumentou en 105.488 persoas no terceiro trimestre deste ano -un 0,21 % por un 0,2 % en Galicia- e situouse en 49.442.844 habitantes ao 1 de outubro de 2025, o valor máximo da serie histórica que se iniciou en 1971.
Do mesmo xeito que en Galicia, o crecemento poboacional do conxunto español debeuse ao incremento de persoas nadas no estranxeiro, xa que o número de nados en España diminuíu con respecto ao segundo trimestre do ano.
Dos 49,4 millóns, 39.617.578 é poboación nada en España (9.901 persoas menos que o trimestre anterior) mentres que 9.825.266 son residentes en España nacidos no estranxeiro, 115.389 máis.
Segundo a estatística do INE, a poboación de nacionalidade española aumentou en 26.551 persoas no terceiro trimestre respecto ao anterior. Así, dos 49,4 millóns de persoas que residen en España, 42.310.520 teñen nacionalidade española e 7.132.324 nacionalidade estranxeira.
Os residentes con nacionalidade estranxeira aumentaron en 78.937 respecto ao segundo trimestre.