Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres veciños permanecen todo o ano en Cepedelo, a aldea máis alta de Galicia

Tres veciños permanecen todo o ano en Cepedelo, a aldea máis alta de Galicia

Cepedelo, no concello de Viana do Bolo, está a 1.350 metros por riba do mar

G24.gal 15/01/2026 13:40

Hoxe visitamos a aldea habitada máis alta de Galicia. A 1.350 metros de altitude está Cepedelo, no concello ourensán de Viana do Bolo, pero lindando con Zamora. As duras condicións do inverno e a emigración fan que só tres veciños permanezan alí todo o ano, pero nos veráns Cepedelo énchese de vida.

Nas montañas de Trevinca, as máis altas do país, está Cepedelo, a aldea galega a maior altitude. Francisco é o máis novo do lugar, vive aquí todo ano. O outro veciño que pasa aquí os invernos é o Pepe. E é que os meses fríos a 1.350 metros por riba do mar non son para calquera.

Agora a neve é pouca, antano pasaban meses illados. Na memoria colectiva está a triste historia da mestra de Cepedelo que faleceu na serra ao sorprendelos unha gran nevarada cando volvían de camiño á casa. Salvou a súa filla e un mozo da aldea tapándoos coas súas roupas de abrigo. Pasaron a noite á intemperie ata que os veciños, que levaban horas e horas buscándoos con fachóns, os localizaron. Os restos da mestra descansan no cemiterio.

O silencio, só roto polo cantar das aves, sorprende a estas latitudes. O éxodo que baleirou o rural pola falta de oportunidades foi en Cepedelo, pola súa orografía, máis acusado. Co bo tempo, as familias que viven en Viana xa soben e comezan a habitar moitas vivendas. No verán, nas vacacións dos emigrantes, Cepedelo énchese de vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade