Os pediatras din que non se pode falar de epidemia ante os novos casos de hepatite infantil
Galicia comunicou ao Ministerio de Sanidade dous posibles casos, pero, de momento, o Centro de Coordinación de Alertas non os dá por confirmados
Foi tras recibir a alerta por parte do Ministerio de Sanidade dos tres primeiros casos confirmados de hepatite aguda infantil en España, cando o Sergas iniciou unha busca cara a atrás, entre todos os nenos ingresados este 2022, e atoparon dous casos compatibles.
O primeiro dos casos investigados sería xa do mes de xaneiro, e foi dado de alta; o segundo tería agora mesmo a enfermidade en curso, pero non está ingresado e evoluciona favorablemente.
As causas desta hepatite aguda infantil están aínda en investigación
A maioría de expertos considera que esta hepatite, que lles afecta maioritariamente a nenos e nenas de entre un e cinco anos, pode ter unha orixe infecciosa, pero piden que non nos alarmemos porque son moi poucos casos e de ningún xeito se pode falar dunha epidemia.
Ademais de non crear inquedanza, os pediatras insisten en desmentir falsidades.
"Un dos primeiros boatos é se podería ser polas vacinas da covid e a realidade é que pola idade en que se producen estes casos nin sequera puideron recibir esas vacinas", explica o xefe de Pediatría do CHUS, Federico Martinón.
As hepatites pódense producir por moitas causas: infeccións, tóxicos, por enfermidades de tipo autoinmune... E a principal hipótese é que esta sexa de tipo infeccioso.
Unha explicación da acumulación inusual de casos neste momento podería ser -segundo os pediatras- a burbulla relacional creada pola covid. Fai que haxa moitos nenos que non tiveran contacto ningún cos axentes patóxenos o que provocaría se acumulen agora nun período curto de tempo os casos que en condicións normais se repartirían en dous ou tres anos.
En toda Europa hai pouco máis de 60 casos confirmados e nove nos Estados Unidos desta hepatite infantil de orixe descoñecida que provoca unha insuficiencia hepática aguda e que en moi poucos casos, un deles en España, requiriu dun transplante.
Os datos non deben provocar alarma social, din os expertos, porque son poboacionalmente moi poucos e non se pode falar de perigo de epidemia. Si procede segundo eles unha alerta sanitaria para que a rede asistencial actúe ante esta patoloxía e impidan que se reproduzan máis casos.