Galicia comeza a semana de Nadal coa taxa de positividade disparada
Están infectados 19 de cada 100 galegos que se someten a unha proba
Os expertos piden reducir a interacción social e familiar
Galicia case multiplica por catro a porcentaxe de positivos en que a pandemia se considera baixo control. De cada cen persoas que se someten a unha proba diagnóstica, 19 están infectadas. A porcentaxe supera o 25 % na área de Vigo e o 22 % na de Santiago.
O efecto das vacinas evita a enfermidade grave na maioría dos afectados, pero os expertos advirten do risco de que a progresión de contaxios manteña este ritmo.
"É menos probable agora ingresar no hospital, si. Pero se multiplicamos por dous os casos multiplicamos por dous os ingresados no hospital", asegura Pedro Rascado, xefe da UCI do CHUS e membro do comité clínico.
Ómicron é máis contaxiosa, pero o virus segue transmitíndose do mesmo xeito e o aumento dos contaxios en Galicia xa reflicte os efectos da ponte da Constitución. Por iso, ás portas do Nadal, os expertos piden que nos relacionemos co menor número de persoas, dentro e fóra da casa, nas celebracións, pero tamén nestes días previos.
"Reducir ao mínimo as persoas nos domicilios, ter unha burbulla de contactos mínima, sempre con máscara, distancia e ventilación. É o único que podemos facer para controlar a transmisión e que non haxa consecuencias das festas de Nadal", explica o doutor Rascado.
Apelan á responsabilidade individual para evitar restricións duras.