Galicia, cunha lembranza a Angrois, coas vítimas de Adamuz
Rueda anulou a súa comparecencia semanal tras o Consello da Xunta e participa no minuto de silencio en San Caetano
Os líderes do BNG e do PSdeG trasladan o seu pesar ás vítimas do accidente ferroviario
A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 ponse á disposición das vítimas e dos seus familiares, e recalca: "Confiamos en que se lles preste toda a atención e o apoio que necesitan"
Minuto de silencio do goberno galego (EFE/Xoán Rey)
Sucédense as mostras de solidariedade desde Galicia coas vítimas do accidente ferroviario de Adamuz, o máis grave desde que en 2013 un Alvia descarrilou preto de Compostela causándolle a morte a 80 persoas e deixando 145 feridos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anulou a súa comparecencia semanal tras o Consello do Goberno galego, que se celebra todos os luns. Rueda trasladou o "pesar" de todo o pobo galego polas vítimas do accidente ferroviario en Adamuz lembrando o accidente do Alvia en Angrois, Santiago de Compostela, de 2013. "Naquel momento recibimos a solidariedade e a axuda de moitísimas persoas, sentimos o seu agarimo e, por tanto, agora queremos facer o mesmo coas persoas afectadas polo accidente de onte", afirmou Rueda tras participar nun minuto de silencio
O mandatario autonómico amosou a disposición da Xunta a enviar os medios que sexan necesarios ao lugar da catástrofe. "Se fosen necesarios, por suposto que Galicia achegaría medios, igual que recibimos ofrecementos de axuda no accidente de Angrois no seu momento", asegurou.
O presidente galego, xunto cos doce conselleiros e conselleiras e o persoal da Xunta gardaron un minuto de silencio este mediodía á entrada da sede do Executivo autonómico, onde as bandeiras ondeaban a medio mastro, para expresar a "consternación de todos" ante o sinistro.
A pasada noite, Rueda expresaba en X a súa consternación polo ocorrido.
Consternado polo grave accidente de tren en Adamuz. Todo o apoio ás familias das vítimas e ás persoas feridas, e un recoñecemento ao labor incansable dos equipos de emerxencias que están a atender ás persoas afectadas. Galicia permanece ao carón de Andalucía
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) January 18, 2026
Os líderes do BNG e do PSdeG trasladaron tamén o seu pesar polo accidente ferroviario de Adamuz. A portavoz nacional do BNG amosou en X o seu apoio e solidariedade ás familias das vítimas e engadiu: "En Galicia sabemos moi ben a dor e o sufrimento dunha traxedia destas características".
Todo o noso apoio e solidariedade coas familias das vítimas do accidente en Andalucía.
— Ana Pontón (@anaponton) January 19, 2026
En Galiza sabemos moi ben a dor e o sufrimento dunha traxedia destas características. Hoxe, todos e todas estamos con Andalucía.
A líder do BNG mandou este luns toda a solidariedade da súa formación ás vítimas do accidente ferroviario de Adamuz e instou á Xunta a que poña “a disposición” de Andalucía o “apoio técnico e de medios” necesario. Nunha comparecencia para expresar a súa pesar polo accidente, a líder do Bloque considerou que Galicia pode ofrecer “a súa dramática experiencia” neste tipo de catástrofes debido ao accidente de Angrois que, o 24 de xullo de 2013, provocou a morte de case oitenta persoas.
O secretario xeral do PSdeG trasladou o seu agarimo ás vítimas e desexou aos feridos unha pronta recuperación. "Estamos con vós", asegura José Ramón Gómez Besteiro.
Hoxe é un día moi duro. Máis de vinte persoas perderon xa a vida no tráxico accidente ferroviario de Adamuz.
— Gómez Besteiro (@jrgomezbesteiro) January 18, 2026
Quero enviar todo o meu cariño ás familias e persoas achegadas das vítimas, e desexar a pronta recuperación das persoas feridas.
Agradecer tamén aos servizos de… https://t.co/XbpwAtjwql
O secretario xeral do PSdeG, mandou este luns un "abrazo" e as súas condolencias ás vítimas do accidente ferroviario de Adamuz e lembrou que en Galicia coñece "ben" o que sente en momentos tras a traxedia ferroviaria do sinistro do Alvia en Santiago en 2013.Nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, Besteiro remarcou que o accidente é "dunha gravidade tal que fai calquera palabra inútil e insuficiente".
Con todo, manifestou que o socialismo galego manda un "forte abrazo" ás vítimas. "Aquí en Galicia, probablemente como en ningunha outra comunidade, coñecemos ben, sabemos o que sente en momentos como estes", declarou.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, enviou as súas “condolencias e solidaridade” aos afectados Tamén trasladou seu agradecemento aos servizos de emerxencia polo seu traballo incansable. "En Galicia sabemos o que significa esta profunda dor”, afirma.
Dende Galicia trasladamos as nosas sinceras condolencias e solidariedade ás familias e amigos das vítimas do accidente ferroviario en Adamuz.
— Pedro Blanco (@blancolobeiras) January 19, 2026
Sabemos o que significa esta profunda dor. O noso agradecemento aos servizos de emerxencias polo seu traballo incansable.
A Plataforma de vítimas do Alvia de Santiago pide "que se lles preste toda a atención" aos afectados
A Plataforma de Vítimas Alvia 04155 enviou este luns o seu pésame aos afectados pola traxedia de Adamuz e ponse a disposición das vítimas e dos seus familiares. "Confiamos en que se lles preste toda a atención e o apoio que necesitan".