Galicia reforzará as linguas e as matemáticas en primaria
En secundaria impulsaranse as humanidades e as competencias técnicas.
Haberá unha nova modalidade xeral de bacharelato con máis optativas
A Xunta introduce estes cambios no ensino para adaptarse á nova lei educativa estatal, a LOMLOE
Galicia reforzará o próximo curso as linguas e as matemáticas en primaria. Para a ESO e bacharelato haberá un impulso das humanidades e das competencias técnicas.
Estes son os cambios que vai introducir a Xunta de Galicia no ensino para adaptar á nosa comunidade autónoma a nova lei educativa estatal, a LOMLOE.
• Educación Infantil
O único cambio será engadir un cuarto bloque de contidos sobre o coñecemento do contorno social.
• Primaria
Manteranse as notas numéricas dos alumnos ademais da avaliación literal. Haberá dúas horas máis por semana para Lingua Castelá e Lingua Galega. Reforzarase a materia de Matemáticas. Haberá unha alternativa á materia de Relixión.
• Secundaria
Seguirá habendo notas numéricas, e a repartición das materias que se impartirán en galego, castelán ou inglés virá determinado pola Xunta.
No primeiro e segundo curso impartirase Tecnoloxía e Dixitalización, unha materia que contará cun forte peso das matemáticas aplicadas e as ciencias técnicas. E engadirase unha materia de libre disposición que poderá servir para o reforzo das competencias que vexan necesarias.
En terceiro de Secundaria ofreceranse como optativas Cultura Clásica, Educación Dixital, Oratoria, unha segunda lingua estranxeira. E en cuarto curso as optativas serán Cultura Clásica e Oratoria.
Non se poderá cursar dúas veces a mesma materia. E aqueles que, chegados a cuarto da ESO, non se decanten por ningunha destas optativas, poderán escoller unha das optativas dependentes do Ministerio de Educación.
• Bacharelato
A gran novidade da LOMLOE é a introdución dunha modalidade xeral con maior abano de optativas. Poderá cursarse en 36 institutos de toda Galicia, maioritariamente nas cidades e áreas metropolitanas.
A outra novidade é que aumenta unha hora o tempo destinado a Educación Física.
Optativas de Bacharelato
En primeiro serán Anatomía Aplicada, Cultura Científica, Antropoloxía, Literatura Galega do século XXI e Actualidade, Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a primeira parte dunha segunda lingua estranxeira.
En segundo serán Métodos Estatísticos e Numéricos, Psicoloxía, Patrimonio e Sociedade de Galicia, Tecnoloxías da Información e a Comunicación II e a segunda parte dunha segunda lingua estranxeira.
Os contidos definitivos das materias optativas de Bacharelato publicaranse antes do 25 de xullo.
O conselleiro de Educación Román Rodríguez sinalou que se intentou facer a adaptación cos mínimos cambios posibles.