Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia podería acordar esta semana a retirada da máscara no recreo

Galicia podería acordar esta semana a retirada da máscara no recreo

Julio García Comesaña considera que o tapabocas en interiores podería retirarse primeiro nos centros educativos

O conselleiro de Sanidade asegura que o Sergas estuda ampliar os contratos de médicos xubilados que colaboran na primaria

O sistema XIDE de pediatría aplicarase de xeito piloto nun centro de saúde de Lugo e de Culleredo a semana que vén

G24.gal 13/03/2022 10:40

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanza na Radio Galega que o subcomité clínico da semana que vén acordará con "toda probabilidade" eliminar o uso da máscara nos recreos dos colexios.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana asegura que, unha vez vacinados os rapaces de entre 5 e 11 anos, o "lóxico" é dar ese paso. 

"O noso compromiso é revisalo (a eliminación da máscara nos patios) probablemente esta mesma semana que empeza e tomarase a decisión de eliminala, se é o caso. Coma sempre comentaremos co noso comité clínico, neste caso subcomité, pero todo parece indicar que o lóxico sería dar ese paso". 

Respecto ao uso das máscaras en interiores para a poboación xeral, o conselleiro de Sanidade apunta que o primeiro ámbito no que podería retirase a obrigatoriedade é o educativo e ten claro que no último sería no hospitalario ou sociosanitario.

En todo caso, indica que antes de chegar a ese punto hai que acordar o cambio do sistema de xestión dos positivos. Lembrou que as comunidades autónomas e o Goberno teñen pendente de pechar o modo de proceder.

A idea é que a definición de casos positivos e o seguimento se limite soamente aos vulnerables. Indicou que por vulnerables se entenden "as persoas maiores de sesenta anos de xeito xeral e tamén ás persoas inmunodeprimidas, as embarazadas".

As persoas que non estean neses grupos considerados vulnerables "non serán consideradas positivos" e "non farán illamento". 

Engadiu que todos conviñeron en que "ao ser un cambio tan importante este dos positivos non illados era mellor facer este cambio primeiro, ver resultados e despois dar un paso seguinte tamén tan importante como o de non usar máscaras en interiores".  

Peche dos centros de vacinación masiva

O conselleiro de Sanidade lembrou que dende o luns pecharan os centros de vacinación masiva unha vez completada a administración da segunda dose entre os grupos que quedaban pendentes. García Comesaña indicou que citarán as persoas para seguir dispensando vacinas nos centros sanitarios. 

Atención Primaria

García Comesaña destacou que os cambios introducidos ata o momento en atención primaria para alixeirar a carga sobre todo administrativa derivada da pandemia están funcionando.

Recoñeceu que estudan coas diferentes áreas sanitarias ampliar os contratos aos médicos xubilados que están prestando labores de apoio aos facultativos ao abeiro da norma estatal que así o permite.

Tamén avanzou que a partir da semana que vén os centros de saúde de Culleredo e o Illas Canarias de Lugo empezarán a aplicar de maneira piloto o sistema XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) en pediatría

Este sistema xa se aplicou de xeito piloto nestes dous mesmos centros na atención en adultos e del -dixo- tiráronse moi bos resultados con vistas a estendelo proximamente a toda Galicia tras abordalo na mesa sectorial  e cos colexios profesionais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar