Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia acada o obxectivo de vacinación antigripal en maiores de 65 anos

Galicia acada o obxectivo de vacinación antigripal en maiores de 65 anos

O conselleiro de Sanidade prevé o pico da gripe nunha semana, malia admitir que este ano ten comportamento diferente

Avanza que a partir da semana que vén se publicarán as bases para que o persoal temporal solicite a carreira profesional

García Comesaña lamenta o "ritmo caribeño" que di apreciar no Ministerio de Sanidade para modificar os criterios MIR

G24.gal 03/12/2022 10:27 Última actualización 03/12/2022 18:26

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  anuncia na Radio Galega que xa se superou o obxectivo de vacinación antigripal fixado polo Sergas en maiores de 65 anos.

Segundo dixo nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, chegouse ao 75,3 % dese grupo de idade, e nos de máis de 60 as medias son superiores aos do pasado ano.

"Vimos de acadar estes días o noso obxectivo de cobertura. En maiores de 65 anos hai unha cobertura vacinal en Galicia de 75,3 %, chegando ao obxectivo do 75 % que nos marcamos na Dirección Xeral de Saúde Pública e no Ministerio". 

O conselleiro de Sanidade prevé que nunha semana se chegue en Galicia ao pico de gripe aínda que admite que o comportamento deste ano é diferente ao doutros.

Por este motivo insiste na necesidade da prevención, coa vacinación contra a gripe de adultos e a pediátrica, e tamén coa preparación xa existente -asegura- nas áreas sanitarias cos distintos plans de continxencia. 

Carreira profesional e procesos selectivos

García Comesaña avanza que a semana que vén se publicarán no Diario Oficial de Galicia as bases para que o persoal temporal poida solicitar a carreira profesional.

Esta posibilidade ábrese logo de que a Xunta e os sindicatos pactaran ampliar a este tipo de persoal a carreira laboral cunha dotación orzamentaria de máis de 14 millóns de euros.

"En torno ao 5 de decembro sairá posiblemente publicada no DOG a activación do proceso para que poidan facer a correspondente solicitude estes traballadores que se engaden á carreira profesional". 

O conselleiro de Sanidade tamén prevé que nas vindeiras semanas se publiquen no DOG as bases da Oferta Pública de Emprego do Sergas aprobada no último consello da Xunta.

Nel aprobouse unha convocatoria para persoal estatutario que inclúe case 1.300 prazas. O obxectivo final-destacan dende a Xunta- é convocar antes de final de ano máis de 5.600 prazas. 

Mellora da atención primaria

O responsable galego de Sanidade láiase da lentitude  do Ministerio de Sanidade á hora de modificar os criterios de acreditación de unidades MIR. García Comesaña fala de "lamentable actitude" e de "desesperante". 

"Dentro dese ritmo caribeño que ten o Ministerio de Sanidade, esas prazas que conseguimos articular coas  unidades docentes, esas 65 máis, van empezar en maio do ano 23", asegura. 

Tamén di que, en colaboración co Consello Galego de Colexios Médicos, traballan para que antes de fin de ano pechar un acordo para que dentro da norma que fixa as compatibilidades, se poida articular algunha "flexibilidade". 

Segundo explica, o que se estuda é "compatibilizar postos na actividade concertada e pública con garantías de non atender baixo ningún suposto aos mesmos pacientes". 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade