Galicia, terceira comunidade onde máis aumentaron os accidentes mortais
Verán tráxico, con once mortos en xullo e cinco nos oito días que levamos de agosto
Tráfico está en plena campaña de control dos excesos de velocidade, a terceira causa dos sinistros máis graves
Xullo acabou mal, con once mortos nas estradas galegas, e agosto non empezou moito mellor. Xa son catro as vítimas mortais nestes oito días.
Galicia é a terceira comunidade onde máis aumentaron os accidentes no que levamos de verán. Que nos pasa?
"Consumo de alcol, exceso de velocidade e distraccións", resume Fernando Tato, tenente da Garda Civil de Pontevedra
Para distraccións, a do móbil. Pero, ollo, porque hai un cuarto elemento tamén moi traidor: o "eu controlo"
"Sempre imos, e eu inclúome, sempre vas un pouco ao límite. Agora estou indo un pouco de máis, pero aínda controlo, pero a raia entre controlar e que se te vaia é moi curta".
"A habitualidade nas pistas e nas estradas fainos crer que coñecemos a estrada e que podemos conducir un pouco máis rápido pero non", advirte o tenente Tato.
Pasa moito no verán, cando nos movemos en distancias curtas: viaxe á praia ou verbenas varias. Sempre a mil para poder chegar a todo.
"Véxoo o síntoo porque moita xente non é consciente e adiantan en zonas perigosas e fan cousas que non deberían facer", lamenta un profesional do volante.
Preocupan especialmente os colectivos máis vulnerables. As cifras cantan: só na primeira semana de xullo morreron cinco motoristas. O resto do mes, o goteo foi constante.
"Cos motoristas no verán en Galicia sempre é significativa. A vulnerabilidade do condutor da motocicleta fai que un despiste, unha distracción ou un exceso de velocidade provoque maiores danos que nun turismo", confirma Tato.
Falta conciencia. Sabemos dos riscos de conducir baixo o efecto do alcol e das drogas pero seguimos xustificando os excesos de velocidade.
"En estradas que teñen dobre sentido, os excesos de velocidade poden causar maiores feridos ou danos porque, ou saes por unha marxe da vía, ou colides con outro vehículo", explica o tenente da Garda Civil.
E o cinto. Parece un básico, pero sorprendentemente na última campaña de control que se fixo en Galicia pillaron máis de mil condutores sen el. Esta mesma semana, no accidente mortal de Mesía, unha das vítimas saíu despedida do coche. O golpe é brutal e as consecuencias, letais. Sabelo, como di a campaña da DXT, é empezar a evitalo.