Publicador de contidos
Publicador de contidos

Funcas ve "probable" reformar as pensións para garantir a súa sostibilidade a longo prazo

Funcas ve "probable" reformar as pensións para garantir a súa sostibilidade a longo prazo

O director de Conxuntura Económica de Funcas avoga polo diálogo social para pactar "algúns axustes" no sistema

Raymond Torres cre necesario "repensar a execución dos fondos europeos", que ve "moi lenta" en tecnoloxía

G24.gal 05/04/2024 10:34 Última actualización 05/04/2024 11:03

O director de Conxuntura Económica e Análise Internacional de Funcas, Raymond Torres, considera "probable que sexa necesaria" unha reforma das pensións. Así o sinalou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

Neste senso, afirma que "é importante esperar a avaliación que está prevista dentro da reforma. De momento, tivemos un período cunha recadación por cotizacións sociais que serven para financiar as pensións moi importante. Foi positivo. Pero as variables demográficas son as que son e eu creo que haberá que enfrontarse probablemente a algúns axustes. Eu creo que é importante utilizar o método do diálogo social para atopar o camiño".

Sobre outros retos da economía española, desde Funcas alertan de que "desde aproximadamente dez anos estamos nun crecemento moi feble da produtividade e isto significa que o noso tecido produtivo perde terreo na súa eficiencia respecto ao doutras economías avanzadas. É verdade que temos neste momento un plus de competitividade que vén de custos laborais e tamén agora de custos enerxéticos máis baixos, o que permite atenuar o impacto do declive relativo da produtividade, pero a longo prazo é importante reverter esa tendencia".

Malia todo, o director de Conxuntura Económica de Funcas di que "de momento, non se detecta unha desaceleración da economía española e está tendo un bo comportamento", cunha creación de emprego "moi potente". Non obstante, recalca que "a produtividade é unha variable importante a medio prazo. O resultado actual é sostible durante un tempo limitado, por exemplo dous ou tres anos, pero posteriormente poderiamos ver unha reversión desa posición positiva que nestes momentos ten a economía española".

A execución dos fondos europeos

Sobre a execución dos fondos europeos, Raymond Torres considera que "ata o momento ten un resultado desigual. Hai resultados positivos no eido das enerxías renovables. Isto explica tamén que a enerxía sexa máis barata en España. Non obstante, en tecnoloxía a execución é moi lenta e iso esixe non só mellorar os trámites de execución, senón repensar algunhas das pancas deses fondos. Son moi importantes e constitúen unha grande oportunidade". 

Avisa de que "hai un risco moi preocupante de que como Unión Europea perdamos a carreira do coche eléctrico con respecto á China e aos Estados Unidos, que despregou un programa moi potente de incentivos, de axudas ao investimento precisamente nese sector". "Os fondos europeos son esenciais no caso do vehículo eléctrico, especialmente, para Galicia, que afortunadamente dispón dunha posición competitiva moi importante nese sector", di.

Desde Funcas, Raymond Torres considera necesario repensar algunhas das prioridades deses fondos europeos. Neste senso, denuncia que "os custos administrativos de tramitación, de execución, son moi semellantes para proxectos moi pequenos coma para proxectos moito máis cuantiosos. Por iso, agrupar os proxectos paréceme máis importante que a distribución dos fondos en decenas e decenas de proxectos que, finalmente, non necesariamente transforman o tecido produtivo. Pancas que agrupen diferentes decisións, diferentes empresas, é algo que explica o bo comportamento de produción en países como Suecia, que é dentro de Europa un dos países punteiros en produtividade. Esa sería unha maneira".

Apunta que "outra maneira podería ser os préstamos participativos para que entidades públicas de financiamento interveñan nun sector apoiando decisións de investimento privado que xa teñen lugar, de maneira que poidan xogar un papel multiplicador e tractor en vez de lanzar novas convocatorias. Eu creo que hai maneiras. Eu creo que é a grande oportunidade que temos para o noso país".

Dentro doutro aspecto da economía española, Raymond Torres destaca que "o reto fiscal é prioritario". Explica que "non só polo que di Bruxelas e as regras fiscais europeas que non obrigan a reducir a débeda e o déficit cada ano, senón pola presión dos mercados. Estamos nunha situación de tipos de xuro moito máis elevados que no pasado e isto vai durar aínda moito tempo e, polo tanto, os mercados tamén esixen cargas financeiras máis altas pola nosa débeda e non podemos permitirnos que as cargas financeiras engulan unha parte tan importante do presuposto estatal".

Indica que "un 40 % da recadación de IVE serve para o pagamento de xuros. Iso realmente detrae recursos doutras prioridades como educación, sanidade, etcétera. Non estamos mal posicionados desde o ano pasado, cando o déficit se puido reducir ata un 3,6 por cento, que é un mellor resultado do previsto. Eu creo que é importante aproximarse xa ao tres por cento, que é o limiar que marca Bruxelas e iso permitiría reducir as nosas posicións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade